Languages

Inicio
Cultura Xunta

1935-1936 Compostela

Berros, oficios, servicios, cerimonias e sucedidos

22/11/2002 – 09/02/2003

Francisco Vázquez Díaz

O corpo principal da exposición constitúeo a colección de 26 debuxos en pequeno formato, realizados entre 1935 e 1936 que recollen escenas e personaxes típicos da súa cidade natal neses anos. Esta exposición supón unha oportunidade para dar a coñecer unha parte inédita da obra dun artista máis coñecido pola produción escultórica e do que a penas se empezan a atopar debuxos sobre papel.

Supón tamén unha oportunidade para mostrar á cidade parte da súa memoria que cómpre rescatar e que ainda permanece viva entre os composteláns de maior idade. Este labor de rescate e restauración da memoria do seu entorno máis inmediato é unha tarefa que deben de asumir os museos no seu trato diario co público.

O artista compostelán Francisco Vázquez Díaz (1898-1988), coñecido co pseudónimo de "Compostela" é unha desas figuras que se ve forzado a abandonar o seu país a causa da Guerra Civil, proseguindo coa súa carreira artística no exilio. A escultura en madeira representando animais (pingüíns, pelicanos, etc.), dotados dunha suxestiva crítica social, alcanzou popularidade, sobre todo a partires de que en 1927 expuxese a súa obra nas escaleiras do Palacio de Congresos de Madrid.

Despois de deixar España, instálase en Santo Domingo e a partires de 1940 fixará a súa residencia de maneira definitiva en Porto Rico onde desenvolverá unha intensa actividade artística ata a súa morte.