Languages

Inicio
Cultura Xunta

A onde viaxan os deuses

Unha peregrinación ao Qoyllur Rit´i en Perú

15/04/2005 – 19/06/2005

Christoph Lingg (Fotografías) - Susanne Schabber (Textos)

“Onde viaxan os deuses…” aproxímanos á festa indíxena máis multitudinaria de América, unha das manifestacións máis profundas da relixiosidade andina na que milleiros de indios e mestizos procedentes de todo o Perú peregrinan, a través de abruptas paraxes, ata chegaren ó santuario do Señor do Qoyllur Rit’i

Durante os días que dura a peregrinación o desolado val do Sinakara inúndase de fieis, énchese de cores, olores, danzas, cánticos e celebracións en quechua. Os músicos e bailaríns portan estandartes, cruces e símbolos patrios. As súas vistosas vestimentas son fastosas e belas; máscaras, carpas e faldras cubertas de admirables bordados e plumaxes coloridos que se axitan cos movementos do baile. Non debemos esquecer que, coma nos indica Marcela Olivas, a festa e a celebración folclórica xunto coa gastronomía son unha parte destacada nas peregrinacións do Perú. 

Esta exposición, que contou coa colaboración do Foro Cultural de Austria (Embaixada de Austria en España), é un proxecto conxunto de Christoph Lingg e Susanne Schaber. Ámbolos dous, con inigualable sensibilidade, formaron parte activa da peregrinación, o que lles permitiu levar a cabo este proxecto e reflectir coma ninguén o espírito da conmemoración. O obxectivo de Christoph Lingg captou, no momento preciso, os rostros, o xesto, as actitudes, o individual e o colectivo. O grande esforzo realizado unido á satisfacción de cumpriren as promesas; a aglomeración de xentes no val fronte á soidade dos momentos de oración; a serea solemnidade dos actos litúrxicos contrastando co alegre movemento das danzas; o sacrificio, a penitencia, a grande dureza do percorrido adornado coas fastosas e coloridas roupaxes. 

Todo isto nos transmite a esencia dunha peregrinación, manifestación intensa do fervor popular, que exemplifica como poucas a conxunción da alegría e o sacrificio, do sagrado e o profano, do indíxena e o cristián, en definitiva un grande exemplo da riqueza que propicia a interculturalidade. Unha vez máis o Museo Das Peregrinacións convértese nunha ponte entre culturas que nos permite achegarnos a este sorprendente cerimonial.