Languages

Inicio
Cultura Xunta

Benarés

Onde a Vía Láctea se fixo Río

01/07/2005 – 16/10/2005

Luis Baylón

Benarés ou Varanasi é a cidade máis sagrada do Hinduísmo. Trimilenaria e situada ó Norte da India, no estado de Uttar Pradesh, está bañada polo río Ganxes. A sacralidade deste río nace xa desde a súa orixe, no Himalaia e por isto a través do seu longo percorrido (2.510 Km) atópanse numerosos santuarios, enclaves naturais e cidades que son así mesmo lugares de peregrinación.

Os relatos sobre a peregrinación a este lugar santo remóntanse ó século VII. De feito nas grandes epopeas indias coma o Mahabarata e o Ramayana xa se mencionan. Desde entón milleiros de hindús emprenden unha longa marcha ata esta cidade para se purificaren nas súas augas e mesmo para morreren aló. Se así ocorre as súas cinsas serán botadas ó Ganxes e romperán deste modo a infinita cadea das reencarnacións para por fin chegaren á liberación da súa alma. Por esta razón, tamén Benarés está poboada ademais por máis de mil templos e innumerables palacios.

Os peregrinos achéganse ás ribeiras do Ganxes en Benarés e baixan ás súas augas a través duns socalcos (ghats) para acometeren alí os seus intensos baños rituais. Os hindús teñen a obriga de purifica-la súa alma bañándose polo menos unha vez na vida nas sagradas augas deste río. Cada día son milleiros de peregrinos os que se achegan a esta cidade santa; cada ano son millóns, provenientes de tódalas partes do mundo.

Luis Baylón reflicte na serie fotográfica dedicada a Benarés e segundo palabras de Francisco Rivas: “Un poema visual dunha penetración, intensidade e beleza extraordinarias. Unha proba impagable de ata que punto o cómico e o cósmico se engaden”.