Languages

Inicio
Cultura Xunta

Camiñar, Camiñamos...

09/07/2008 – 21/09/2008

Adolfo Enríquez

De entre os múltiples centros de peregrinación, serán os tres clásicos da cristiandade, Roma, Xerusalén e Santiago de Compostela, os que atraian maior número de persoas. Para o caso dos peregrinos, as propias penalidades de andar un duro camiño supuñan unha maneira de saldar débedas coa divindade ou de demostrar a boa vontade e a boa fe á hora de pedir axuda material ou espiritual unha vez acadada a meta.

A dificultade na viaxe tiña unha parte dobremente positiva ao poder ser esa moeda de troco coa que pagar un favor recibido ou un aval para o que se lle ía conceder, pero tamén supuña un exercicio altamente instrutivo e fortalecedor, sobre todo do espírito, para poder afrontar con maior experiencia outro tipo de dificultades. A pesar dos cambios e melloras que se teñen levado a cabo na adaptación de infraestruturas de todo tipo para facer máis cómoda a viaxe, do que non cabe dúbida ningunha é do esforzo preciso para chegar á meta predeterminada. As inclemencias do tempo, as dificultades do propio camiño, a incomodidade da impedimenta, a soidade, a compañía non desexada, a preocupación polos compañeiros... fan que, de cando en cando cheguemos a pensar que “camiñar camiñamos... pero o que nos costa só o sabemos nós”.

É precisamente este aspecto da peregrinación, o esforzo, físico e mental o que quixemos captar nesta mostra expositiva a través das fotografías de Adolfo Enríquez (Porto do Son- A Coruña, 1965).