Languages

Inicio
Cultura Xunta

Cristiáns puros de África

Peregrinacións

18/03/2010 – 04/07/2010

Luis Lopez "Gabú"

O proxecto “Cristiáns puros de África” está constituído por dúas exposicións simultáneas que levan por subtítulo: “Culto e Fe” na Casa da Parra e “Peregrinacións” nas salas de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Trátase pois dunha colaboración entre a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ambas dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.

A exposición recolle aspectos sorprendentes da cultura duns pobos que constitúen o único reduto de cristiáns que aínda se mantén na actual Etiopía e Eritrea e que non foron obxecto de conversión por parte dos sucesivos colonizadores que ocuparon estes territorios.

Emparentados coa Raíña de Saba, e daquela co propio rei Salomón, conservan uns rituais ancestrais en algúns casos milenarios. A aparición destes primeiros cristiáns africanos remóntase ao século IV e constituirían o primeiro estado cristián coñecido.

Un longo illamento propiciado pola elevada altura e un impenetrable sistema de montañas propiciaría a conservación dun riquísimo patrimonio cultural, tanto material como inmaterial que constitúe hoxe un acervo inigualable.

A tradición atribúelle Lalibela, monarca que gobernou estes territorios polo século XII, a construción dun monumental conxunto de igrexas escavadas que intentan reproducir os lugares máis emblemáticos de Xerusalén e Terra Santa. Este lugar converteuse entón nun destino de peregrinación para cristiáns ortodoxos coptos e que constitúe un dos obxectivos recollido polo fotógrafo Luís Gabú para esta interesante mostra expositiva.