Languages

Inicio
Cultura Xunta

De Fisterra a Xerusalén

Exeria e os primeiros peregrinos cristiáns

01/07/2003 – 15/09/2003

Esta exposición, organizada e producida polo propio museo, persegue un dobre obxectivo. En primeiro lugar, ofrecer unha ampla visión da peregrinación ós Santos Lugares do Oriente Próximo na antigüidade tardía, antes da toma de Xerusalén no século VII polos turcos e logo polos árabes.

En segundo lugar, destacar a extraordinaria figura de Exeria, a monxa galega que no século IV realiza esta peregrinación e nos deixa un relato escrito que, ademais de outorgarlle a consideración de primeira escritora hispana en lingua latina, ofrece unha valiosísima información sobre a sociedade e a liturxia do momento que influirían decisivamente no desenvolvemento cultural de todo o Occidente.

A exposición ofrece unha visión do marco histórico no que se producen as primeiras peregrinacións ó Próximo Oriente, destacando as figuras de Constantino e Santa Helena, a implantación do cristianismo en Occidente e na propia Gallaecia, así como as semellanzas e contrastes entre a parte Oriental e Occidental do Imperio Romano, incluída a caída de Occidente pola chegada dos pobos xermánicos e a transformación de Oriente no Imperio Bizantino.

Outros temas de grande interese que se analizan son: os destinos que perseguen e quen son os peregrinos que van a Terra Santa; os medios de transporte marítimos e terrestres; os camiños percorridos e a equipaxe que portaban; a súa estancia e os recordos -souvenirs- que traían consigo. Por último preséntase Xerusalén, coma a cidade que máis atraía ós peregrinos por estar en relación directa cos feitos narrados no Novo Testamento, acontecementos relacionados coa vida de Cristo, da Virxe e dos primeiros mártires do cristianismo.

A mostra ofrece un amplo abano de obxectos de grande interese artístico, arqueolóxico e documental, facilitados por unha trintena de museos e institucións culturais nacionais e estranxeiras. Entre outras: Museo Arqueolóxico Nacional, Biblioteca Nacional, Arquivo Histórico Nacional, Museo Nacional do Prado, Studium Biblicum Franciscanum Museum, de Xerusalén, o Kunsthistorische Museum, de Viena.