Languages

Inicio
Cultura Xunta

Kailasa

Unha peregrinación ó corazón do Tíbet

17/03/2006 – 18/06/2006

Christoph Linng (Fotografías) Susanne Schaber (Textos)

O monte chinés Kailash, coñecido tamén na antiga tradición hinduísta como Meru ou Sumeru, conta con 6.714 m de altitude e está situado no corazón do Tíbet na mesma cordal do Himalaya. Referímonos a unha das montañas máis sacras do mundo, pois é considerada como tal por budistas e hinduístas quen consideran que a kora –unha peregrinación de 52 quilómetros ao redor desta montaña– os redime dos seus pecados e fainos renacer como persoas novas. Para os hinduístas, o Kailash é o asento de Shiva, mentres que para os budistas representa o xigantesco mandala dos Dhyânibudas e Bodhisattvas (un ‘mandala’ constitúe unha representación gráfica da esfera pura na que habita Buda).

Os fieis participantes nesta peregrinación, tanto budistas como hinduístas e tamén practicantes da relixión Bon, consideran que con este feito redimen as súas culpas e renacen a unha nova vida. No traxecto ata o cume aparecen mosteiros perfectamente mimetizados coa paisaxe. O Drolma La é un desfiladeiro de 5.636 m que constitúe un dos puntos máis destacables desta impresionante peregrinación. Está dedicado a Drolma, a deusa compasiva e é aquí onde os peregrinos enfróntanse á parte máis dura de todo o percorrido. Polo impresionante desnivel que culmina no alto deste desfiladeiro, lanzan ao vento estampas do cabalo da felicidade. Segundo a tradición, volven nacer. O paso do Drolma é unha metáfora da travesía da morte e o posterior renacer.

O fotógrafo Christoph Lingg nace en Schoppernau Vorarlberg (Austria), en 1964, trasládase en 1985 a Nova York onde tivo o primeiro contacto coa fotografía, estudando varios cursos de fotoxornalismo. Traballa como fotógrafo independente para o International Center of Photography de Nova York, especializado en temas sociais e de viaxes. Regresa a Europa en 1990, viaxa longos períodos de tempo pola India, Kurdistán, Paquistán, Acerbaixán, Ucraína, etc. Realizou numerosas exposicións coas súas fotografías que aparecen reproducidas nas publicacións máis prestixiosas. A súa obra está presente en grandes museos de Europa e América. 

Susanne Schaber estudou filoloxía inglesa e alemá, e dedicouse ao mundo teatral. Na actualidade traballa como crítica literaria e escritora en Viena. Conta con varias publicacións e con frecuencia colabora co fotógrafo en programas conxuntos, sobre todo os referidos a viaxes.