Languages

Inicio
Cultura Xunta

Les Gens du Chemin

Peregrinación a Saintes Maries de la Mer

07/05/2013 – 03/11/2013

Olga Seoane Paulus

No delta do Ródano, entre o mar e a lendaria Camarga, a pequena localidade de Saintes Maries de la Mer recibe dende moi antigo, milleiros de peregrinos para celebrar a festividade en honor ás Saintes Maríes ─Santa María Salomé e Santa María Xacobé─, e tamén para render culto a Santa Sara.

Os rituais que teñen lugar así como o fervor dos asistentes, en boa medida xitanos de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición viva e adquiren un colorido inusitado que incita a moitos fotógrafos a recoller coas súas cámaras imaxes suxestivas e singulares das celebracións e dos propios peregrinos. Tal como fixo a autora deste proxecto, Olga Seoane Paulus, durante os cinco anos en que reuniu o material que conforma esta exposición: auténticos documentos gráficos cheos de vida, colorido e devoción.

Segundo a tradición, algúns dos personaxes máis achegados a Cristo, fuxindo das persecucións de cristiáns fomentadas por Herodes Agripa en Terra Santa, toman un barco sen velas e sen remo que o destino fai chegar ás costas meridionais da Galia. As diferentes versións apuntan a distintos pasaxeiros, pero todas coinciden en que viaxaban María Salomé, a nai de Santiago o Maior (Zebedeo) e de Xoán; María Xacobé, nai de Santiago o Menor (Alfeo); e Sara, escrava ao servizo das anteriores. A morte das dúas Marías produciríase nun breve intervalo de tempo e no lugar onde foron enterradas, san Trófimo, bispo de Arlés, levantaría un oratorio. Parece que o culto neste lugar ás santas mulleres está documentado cara o século XII e as peregrinacións xa bastante difundidas no século XIV.

De orixe palestina, africana ou da propia rexión da Camarga, Santa Sara é un dos personaxes máis enigmáticos e que deu orixe ás máis diversas lendas. A peregrinación xitana para honrar a súa patroa convertese cada ano nun festival único, espiritual, vibrante e colorido, que reflexa a concepción da vida desta etnia e a súa condición orixinaria de pobo errante: les gens du chemin.