Languages

Inicio
Cultura Xunta

Lugares e vías de peregrinación

Sacro Montes piemonteses e lombardos

01/04/2004 – 01/05/2004

Esta exposición, deseñada coma unha mostra itinerante, poderase contemplar nas salas do Museo das Peregrinacións, e posteriormente percorrerá os diferentes centros de peregrinación Piemonteses, nas proximidades de Turín. Consta de paneis fotográficos e información textual alusivos ós Sacro Montes que se estenden pola rexión do Piemonte e a parte occidental da Toscana, e está organizada polo Museo das Peregrinacións e o Centro di Documentazione di Crea, dependente da Administración Rexional do Piemonte.

Nesta mostra podemos aprecia-la significativa arquitectura e escultura destes montes sacros, en boa medida renacentistas, sempre en íntima relación co medio natural no que se asentan. Non podemos esquecer que os Sacro Montes Piemonteses, así coma algún outro da Toscana, forman parte dos Bens Patrimonio da Humanidade incluídos nesta categoría pola UNESCO o pasado ano 2003. Podemos destaca-los Sacro Montes de Crea, Orta, Varallo, Oropa, Ghiffa, Belmonte, Domodossola, etc.

Natureza e arquitectura, relixiosidade e espiritualidade combínanse formando unha síntese de heteroxéneo interese, múltiples atractivos que tamén están presentes no Camiño de Santiago; así pois ámbalas dúas peregrinacións teñen vinculacións coa historia, a arte e a natureza, todo isto unido á riqueza relixiosa e espiritual, polo que ofrecen un interese similar que as relaciona entre si.