Languages

Inicio
Cultura Xunta

Luz de Oriente

29/10/2002 – 01/12/2002

Colaboran: Embaixada de Polonia en Madrid, Catedral de Santiago, Galería Slowianska, Instituto Mickiewicz

Esta exposición, inscrita dentro dos actos de celebración do Ano de Polonia en España, presenta unha excepcional selección de iconas tanto antigas, dos séculos XV ó XIX procedentes da rexión dos Cárpatos, coma contemporáneas do artista Jerzy Nowosielski. O encontro coa icona no seu aspecto sacro é a principal idea desta mostra, que supón unha oportunidade única de contemplar unha manifestación artística singular das rexións do Oriente Europeo e da que non é fácil gozar no noso país.

A tradición da icona está intimamente ligada á liturxia que conserva a igrexa de Oriente. A arte pictórica, ó igual que a liturxia, permanece, practicamente estancada no tempo, repetindo modelos de maneira sistemática e baixo unhas férreas directrices que varían, non obstante, dependendo das diferentes escolas, pero sempre á marxe das correntes e estilos artísticos innovadores. As iconas antigas que se expoñen son o resultado da fervente devoción con que se vive a relixión nos Cárpatos polacos, onde as xentes ofrecían os seus pregos á Santísima Trindade. Unha parte destas obras foron realizadas máis coa exaltación e a piedade que coa mestría e o oficio, pois non todos son obra de profesionais e por iso agochan o especial encanto do auténtico que lles proporciona o sabor popular. Estas iconas históricas foron cedidas en préstamo temporal para a exposición polos seguintes museos: Museo de Arquitectura Popular de Sanok, Museo do Castelo de Lancut e Museo Rexional de Nowy Sacz. Na sección dedicada á icona actual, preséntase a obra de Jerzy Nowosielski, -profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia-. A interpretación que este artista fai dos temas e tradicións antigas, a frescura e viveza das súas obras son unha clara demostración da continuidade desta importante tradición pictórica.