Languages

Inicio
Cultura Xunta

Mantendo vivas as frechas amarelas

16/03/2007 – 31/03/2007

Eduardo Almajano

A mostra expositiva está composta por unhas 60 fotografías a cor en formato panorámico que presentan unhas sorprendentes e inéditas imaxes da tan percorrida ruta do Camiño Francés, dende os Pireneos ata Compostela, chegando tamén a visitar o mar de Fisterra. As imaxes foron captadas por Eduardo Almajano ao longo da peregrinación que realizou no ano 2002 cunha duración de seis semanas. As instantáneas que presentamos mostran unha agudeza inusitada, que é difícil repetir, constituíndo un conxunto unitario e moi suxestivo sobre o propio Camiño de Santiago e as xentes coas que o fotógrafo se foi atopando no seu percorrido.

Dende os tempos máis remotos, o ser humano sente a necesidade interior de peregrinar ata os confíns do mundo en busca dun mesmo e como vía de autoafirmación; atávico anhelo que en Europa deu orixe ao Camiño de Santiago. O Museo das Peregrinacións presenta esta exposición fotográfica, realizada por Eduardo Almajano, quen, durante a primavera do 2002, percorreu case mil quilómetros ao longo do Camiño francés dende Somport a Fisterra. O autor da mostra, dunha notable sensibilidade para captar a variada beleza das paisaxes que se suceden no Camiño, ofrécenos unha clara visión de conxunto, pero sen esquecer prestar atención aos pequenos detalles. A súa obra sorprende polo inédito das imaxes recollidas precisamente nun itinerario tan percorrido como é o Camiño Francés.

Esta mostra foi deseñada para ser itinerante, xa que son moitas as institucións dos máis afastados lugares de España e do estranxeiro que estes últimos anos se dirixen a este Museo para solicitar o empréstito dunha exposición sobre o Camiño de Santiago. Con esta mostra o Museo das Peregrinacións contribúe a divulgar tanto a ruta xacobea como tamén o traballo de investigación e difusión que dende esta institución se está a realizar sobre a peregrinación.