Languages

Inicio
Cultura Xunta

O home e as súas crenzas

17/11/2009 – 21/02/2010

Sabine Weiss

¿Cómo é posible que Sabine Weiss, que se declara non crente e mesmo atea, estea fascinada polas crenzas dos outros?

Porque a fascina todo o que concirne o home, o que cre, aquilo en que cre, o que espera e o que o desespera. A súa fotografía non cesa de lanzar interrogantes sobre o insondable no home.  Un templo é un lugar privilexiado para moitos dos que tamén se cuestionan. Paradoxalmente, Sabine Weiss séntese tan próxima a eses que non pode aceptar para ela mesma esta resposta que lles dá a relixión. É nas cerimonias e na soidade da meditación onde cada un revive todo aquilo que experimenta na vida, onde se cristalizan todas as súas emocións.

A Sabine Weiss interésalle o home no momento en que quita a máscara que se sente obrigado a levar. Cunha luz cribada, fronte a unha vela, signo da presenza do outro, ou dunha vida máis alá, a súa emoción faise máis intensa. A presenza dun outro, invisible, colócao nunha maior soidade consigo mesmo.

Encadrada na corrente da fotografía humanista, aquela na que as persoas e as súas emocións son protagonistas do seu traballo, Sabine Weiss (1924) percorreu boa parte do mundo entre os anos 50 e 90 fascinada polas crenzas dos seres humanos de diferentes culturas. Espontaneidade e sinxeleza son características na súa obra ofrecendo sempre unha mirada non exenta de tenrura, na que non son os deuses o obxecto da súa atención, senón o que as persoas senten diante deles.

Con esta mirada realista e poética achégase a monxes budistas capaces de adestrar gatos como mostra do seu propio adestramento mental, ao popular abate Pierre descansando nunha humilde habitación, ao ritual de iniciación Bar Mitzvah dun neno xudeu de 12 anos, aos exóticos ritos malabares da illa de Reunión, á peregrinación a Fátima, etc.. En resumo, a obra de Sabine Weiss amósanos que, dende Xapón a Guatemala, dende España á Etiopía, na alegría ou na dor, o feito relixioso impregna a vida cotiá do ser humano na súa procura incesante da espiritualidade.