Languages

Inicio
Cultura Xunta

Ollada inglesa, corazón galego

Arthur Ginnings, colección fotográfica (1910 - 1950)

04/11/2005 – 26/02/2006

Arthur Ginnings

Con esta exposición dáse a coñecer unha colección privada inédita de 1.200 fotografías realizadas entre 1890 e 1950, e que pertenceron a Arthur Ginnings, misioneiro protestante británico, que viviu durante 40 anos na localidade de Ares, tentando difundir na zona a idea evanxélica. Esta colección constitúe un importante arquivo documental para o coñecemento da implantación e posterior evolución das comunidades evanxélicas en Galicia e ó mesmo tempo é un referente de interese desde o punto de vista etnográfico xa que contén interesantes imaxes inéditas de monumentos, espazos naturais e persoas, tanto de Galicia coma de España tomadas por fotógrafos afeccionados e anónimos.

O material, positivado sobre placas de cristal, tiña unha clara función divulgativa e estaba encamiñado á formación relixiosa das comunidades evanxélicas e á captación de novos adeptos, mediante a proxección destas imaxes cunha lanterna máxica (que inda se conserva xunto coas placas) no transcurso de charlas convenientemente preparadas.

Entre as imaxes encontramos moi diferentes temáticas: hai láminas de escenas bíblicas características de finais do século XIX e outras realizadas en diferentes comunidades evanxélicas de distintas partes do mundo, preferentemente China e África. Consérvase igualmente unha sección importante de fotografías realizadas en Galicia con escenas da vida cotiá, que constitúen un documento de grande interese antropolóxico.

Desde outro punto de vista, a recuperación do patrimonio cultural galego que se atopa moitas veces en condicións pouco favorables para a súa conservación e o seu coñecemento público, debe ser unha tarefa que asuman nas súas programacións os museos pois esta é unha función directamente relacionada coa súa razón de ser.