Languages

Inicio
Cultura Xunta

Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago

21/07/2010 – 30/09/2010

Gabriel Díaz

“Os camiños de Santiago no Camiño de Santiago” é un proxecto expositivo deseñado pola Fundación Arq Art de Madrid en colaboración co Museo das Peregrinacións e de Santiago coa intención de implicar aos distintos territorios relacionados coa ruta xacobea, non soamente a nivel estatal, senón tamén nunha dimensión europea. A pretensión inicial consistía en levar a cabo unha exposición simultánea que se podería exhibir nun total de 30 igrexas ou espazos vinculados coa peregrinación situados nos principais camiños xacobeos peninsulares.

Outras tantas mostras levaríanse a cabo en diferentes países europeos, toda vez que a dimensión deste proxecto adquiriría tintes transnacionais en consonancia coa propia natureza da ruta de peregrinación.

O artista seleccionado sería Gabriel Díaz (Pamplona, 1968), cunha longa experiencia de produción artística ao longo dos últimos anos en relación co Camiño de Santiago e tamén con outras peregrinacións en distintos países arredados, sobre todo no continente asiático.

A exposición consiste na proxección simultánea de seis vídeos de longa duración realizados coa técnica da animación fotográfica. A obra é o resultado da secuencia de millóns de fotogramas realizados polo propio artista ao longo do seu percorrido polas distintas vías de peregrinación, efectuando un disparo fotográfico cada once pasos. O resultado é unha secuencia de imaxes dos distintos itinerarios xacobeos nos que se percibe a sensación de movemento que envolve ao espectador e o fai partícipe da súa obra.

Os camiños seleccionados serían, en España:
Camiño Francés: Navarra, Aragón, A Rioxa, Castela e León, Galicia.
Camiño Mozárabe: Andalucía, Estremadura Castela e León, Galicia.
Camiño do Norte: Euskadi, Cantabria, Asturias, Galicia.

Outros tres camiños ao longo de Europa:
De Le Puy a Saint-Jean-Pied-de-Port (Francia).
De Nuremberg a Xenebra (Alemaña, Suíza).
De Maastricht a Vézelay (Países Baixos, Francia).

Este proxecto recorrerá posteriormente diferentes cidades de España, Europa e prevese que poida trasladarse a América.