Languages

Inicio
Cultura Xunta

Samos, Espírito do Camiño

29/09/2006 – 26/11/2006

Luis Alonso Ocaña

A difusión do patrimonio cultural galego, especialmente o relacionado cos Camiños de Santiago e coa propia cidade de Compostela, conforma un dos programas expositivos deseñados polo Museo das Peregrinacións. O propio trazado, os espazos naturais, os monumentos e os conxuntos que dispoñen dunha especial significación no que á peregrinación se refire, constitúen o obxecto deste programa no que se encadra a mostra que agora se presenta: «Samos, espírito do Camiño» con fotografías de Luís Alonso Ocaña. Conflúen aquí dúas grandes paixóns do autor. Unha delas puramente laboral e profesional, relacionada co tratamento, coa experimentación e coa reprodución da imaxe; a outra, máis vivencial, emotiva, persoal e afectiva, relacionada co seu amor por Samos e por todo o que representa: o monumento, a contorna, a paz, o silencio, a xente...

O mosteiro de Samos é un dos fitos máis importantes e monumentais da ruta xacobea. Estratexicamente situado no camiño de peregrinación cara a Compostela, fai posible que o viaxeiro prosiga o seu camiñar sen necesidade de achegarse a el. Pero Samos foi ao longo dos séculos, e segue a selo actualmente, un reclamo moi especial para o peregrino.
Proporciona descanso e forzas ao corpo e nutritivo alimento ao espírito cargando ao camiñante de ánimos para proseguir renovado coa dura viaxe polo Camiño ata chegar, por fin, á meta desexada.
Samos é un conxunto singular do noso patrimonio cultural que como tal debe ser difundido e valorado, pois representa un deses fitos insubstituíbles da nosa riqueza material e tamén inmaterial.