Languages

Inicio
Cultura Xunta

Sete miradas a unha realidade

Encontro de peregrinacións

13/12/2006 - 04/03/2007

Colectiva

Dende que no século I san Xoán Evanxelista escribiu o Apocalipse nunha pequena illa do oriente europeo, ata que no XX a Virxe María se apareceu no extremo occidental do continente, infinitas son as peregrinacións, no máis amplo sentido do termo, que foron salpicando mapas e enchendo páxinas. Son diversas, en orixe e en motivo, as aquí recollidas, pois mentres en Altötting e Czestochowa nacen ao redor de iconas milagrosas, ou en Lourdes e Fátima xorden a partir de relatos de aparicións, en Patmos, Loreto e Santiago desenvólvense por mor de acontecementos históricos ou lendarios.

COESIMA (Coopération Européenne de Sites Majeurs d’Accueil) é un proxecto europeo no que participan Altötting, Czestochowa, Fátima, Loreto, Lourdes, Patmos e Santiago de Compostela. Trátase de sete cidades que comparten un mesmo sinal de identidade, a súa condición de centros de peregrinación, e que, en conxunto, reciben máis de 20 millóns de persoas ao ano, procedentes duns 150 países diferentes. Porén, e malia o seu trazo definitorio común, cada localidade posúe as súas características propias, as súas experiencias, realizadas polos distintos sectores implicados no deseño, xestión, promoción, comercialización, etc., dos diferentes «produtos» que nacen ao redor do fenómeno peregrinatorio, e que poden ser de grande utilidade para os demais socios da rede. Deste xeito estúdanse e contrástanse polos distintos socios prácticas como a dotación para unha mellor acollida de visitantes en xeral —xa sexan peregrinos, excursionistas ou turistas—, as medidas tomadas para mellorar a accesibilidade destes centros e facelos aptos a públicos fráxiles, a valoración e diversificación da oferta cultural proxectada ou experimentada, as estratexias levadas a cabo para ofertar estes destinos como produtos de calidade,… e un longo etcétera de cuestións. As consecuencias desta cooperación son, por unha banda, o aproveitamento dos bos resultados obtidos en varios casos e, por outro, a aprendizaxe a partir dos erros cometidos.

Un frutífero exemplo de cooperación entre os sete socios é a realización da exposición Sete olladas a unha realidade, que foi proposta polo Museo das Peregrinacións para ser inaugurada en Santiago de Compostela —coincidindo coa celebración nesta cidade do V Seminario Transnacional de COESIMA—. Esta mostra expositiva temporal converterase en itinerante e acabará por percorrer as outras seis sedes que completan a rede, lugares todos eles directamente implicados en actividades de turismo e de peregrinación, conceptos ambos os dous que irremisiblemente están a denotar a idea de intercambio e de movemento de persoas e de ideas.

A palabra chave neste proxecto tal vez sexa «intercambio»: de valores, de experiencias, de saberes..., e neste caso concreto de «olladas». Sete son as peregrinacións implicadas na rede COESIMA, sete cidades cunha realidade común —a peregrinación— vista a través de sete pares de ollos. O resultado, sete cócteles diferentes cos mesmos ingredientes, sete coleccións de fotografías, sete olladas a unha realidade.