Languages

Inicio
Cultura Xunta

En 1951, ano de creación do museo, as coleccións non existían. A idea naquel tempo era conseguir fondos a través de depósitos e doazóns procedentes doutras institucións públicas e privadas e tamén de particulares. Durante anos a configuración dunha colección coherente quedouse en propostas e promesas.

Cando en 1965 se afronta a exposición inaugural, son moi escasas as pezas pertencentes aos fondos do Museo. A maior parte eran de titularidade eclesiástica ou cedidas temporalmente por particulares para a ocasión, como aconteceu coas coleccións Blanco Ciceron, Varela Villamor, ou mesmo coa Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela.

Mostra dalgunhas obras da colección: Santiago Peregrino, Ampola e diñeiro de Billón

Na década dos setenta, o Instituto de Conservación y Restauración de Obras de Arte de Madrid, irá destinando diversos fondos artísticos, procedentes do Servicio de Recuperación, que, xunto con outros depósitos de particulares e de institucións de distinta natureza xurídica, incrementarán a nacente colección. Uns tímidos intentos de ordenación de fondos públicos nos museos estatais propiciou que, procedentes doutros museos estatais, se incorporasen á colección permanente pezas de interese para a comprensión do fenómeno peregrinatorio ou relacionadas coa iconografía de Santiago.

Mostra da obra "Vida del Venerable fundador de la Orden de Santiago..., Joseph López Agurleta. 1731"

Vida del Venerable fundador de la Orden de Santiago..., Joseph López Agurleta. 1731

A asunción das competencias en materia de cultura en 1982 pola Xunta de Galicia supón a regularización dos depósitos de restos arqueolóxicos provenientes de intervencións na cidade de Santiago (a excepción da catedral que conta con museo propio), así coma no resto do termo municipal, e doutros enclaves de indubidable vinculación xacobea (Padrón, Iria Flavia...).

Con posterioridade a la transferencia da xestión deste centro á Xunta de Galicia en 1995, iníciase unha política de adquisición programada de fondos, coa que as coleccións experimentan un crecemento progresivo, especialmente fortalecido nos últimos años coa mirada posta na ampliación prevista no novo edificio da Praza de Praterías.

Imaxes de "Santiago Peregrino de Bernardo Lorente Germán", "Colar de azibeche" e "Santiago protector de orantes"

A tipoloxía dos seus fondos, tanto museográficos coma documentais, é moi variada, en consonancia co contido encomendado que abrangue todos aqueles bens materiais e inmateriais integrantes do patrimonio cultural relacionados co fenómeno universal da peregrinación, coa peregrinación xacobea e o Camiño de Santiago en particular, e co nacemento e a evolución da cidade de Santiago de Compostela como meta de peregrinación. Así pois o fenómeno da peregrinación, entendido como un fenómeno antropolóxico universal, fai que se poidan rastrexar infinidade de referencias culturais a través de diferentes perspectivas: histórica, artística, antropolóxica, arqueolóxica, médica, arquitectónica, botánica, social, urbanística, literaria, musical, etc.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago conta con importantes coleccións de escultura, pintura, acibeche, gravado, artes decorativas en xeral, así como de bens arqueolóxicos, elementos etnográficos e fondos documentais e bibliográficos.

A día de hoxe destacan pola súa ampla variedade os fondos relativos á iconografía xacobea, con representacións da figura do apóstolo Santiago procedentes das distintas rexións peninsulares e mesmo doutros moitos países. Dispón tamén dunha importante colección de acibeche, tan vinculado á cidade compostelá e á peregrinación, así como un fondo bibliográfico antigo sobre o culto xacobeo e a Orde de Santiago ao que se engade un fondo documental sobre as peregrinacións en xeral, a peregrinación xacobea, o Camiño de Santiago e a cidade de Compostela.

Imaxe da Sagrada Familia Peregrina. Obradoiro mexicano. (1776-1800)

Sagrada Familia Peregrina. Obradoiro mexicano. (1776-1800)