Languages

Inicio
Cultura Xunta

Αγιον Ορος

Peregrinación ao Monte Athos

07/07/2017 - 15/10/2017

Fernando Moleres

(Agion Oros, Santa Montaña) é o nome do estado teocrático constituído polos vinte mosteiros ortodoxos que ocupan a península coñecida como Monte Athos. As especiais condicións orográficas e de illamento fixeron do Monte Athos un lugar buscado polos monxes desexosos dunha vida de renuncia e oración e, de feito, convertérono no territorio coa maior concentración de mosteiros e no principal referente do monacato ortodoxo.

Fernando Moleres documentou coa súa cámara anacos da realidade cotiá do Monte Athos. Fotografou o escenario e as persoas, e tamén o sentimento e a espiritualidade. Nas súas sucesivas viaxes capturou multitude de imaxes que dan forma a un proxecto sobre a vida monástica.

No ano 963, fundouse o primeiro dos cenobios —Gran Lavra— e regularizáronse pequenos eremitorios preexistentes. O apoio do Imperio Bizantino favoreceu a proliferación de múltiples asentamentos monásticos e propiciou a concentración de reliquias e obxectos de culto e devocionais. As construcións, levantadas polo xeral en zonas de difícil acceso, son verdadeiros recintos defensivos construídos segundo un esquema bizantino adaptado ás condicións do terreo e reforzados con potentes murallas. A igrexa (katholikón) é o edificio máis importante, pero non faltan as dependencias necesarias para a vida monástica —refectorio, celas para os monxes, hospedaría, enfermería, capelas...—, que se dispoñen arredor dun patio.

Co paso dos séculos, e sempre co apoio imperial, crearíanse preto dun cento de establecementos, varios dos cales serían fundacións foráneas —armenias, xeorxianas, serbias, búlgaras, rusas...—, por mor da internacionalización do monacato athonita. No século XVI, había unhas 40 fundacións monásticas cuns 40.000 monxes. Na actualidade, son 20 os mosteiros autónomos e os monxes non chegan a 2.000.

Boa parte dos mosteiros e doutros establecementos —skite, kellia, kalivi...— foron obxecto de saqueos na Idade Media e na Idade Moderna, espolios que supuxeron a perda de parte da súa riqueza patrimonial e que fixeron que o seu aspecto se vise transformado. Os incendios, que aínda son frecuentes hoxe en día, tamén axudaron nestas tarefas. Malia todo, a riqueza arquitectónica coas súas pinturas murais, o conxunto de iconas e outros obxectos sagrados, e sobre todo o patrimonio bibliográfico e documental custodiado, e por que non o patrimonio natural e paisaxístico, dotan o Monte Athos dun valor excepcional recoñecido pola Unesco en 1988, o que supuxo que fose incluído na listaxe de Bens Patrimonio da Humanidade.

As importantes e abundantes reliquias que aínda hoxe se conservan atraeron e atraen peregrinos, sobre todo para asistir e participar nas celebracións litúrxicas que teñen lugar nas festividades máis salientables do calendario ortodoxo. Hoxe os peregrinos acoden, ademais de atraídos polo culto ás reliquias, polos desexos de se introduciren nun espazo singular no que o tempo parece detido. Lévase a cabo unha peregrinación especial que, lonxe das masivas concentracións que caracterizan a maior parte destes eventos, se desenvolve nun espazo abarcable e doméstico para o peregrino e que conta cun forte enraizamento no sentir relixioso ortodoxo. Conserva rituais dunha liturxia doutros tempos e ten lugar nun enclave de incomparables valores paisaxísticos enriquecidos pola man do home desde a Alta Idade Media que axudan a comprender a maneira en que o ser humano se relaciona co transcendental e onde reside esa delicada harmonía entre o mundo terreal e o mundo das crenzas.