Languages

Inicio
Cultura Xunta

Camiñantes

22/06/2018 - 31/10/2018

Tino Martínez

O experimentado fotógrafo compostelán Tino Martínez, afeito á fotografía directa e chea de forza, que capta como poucos aquilo que non se ve, ofrece con Camiñantes unha mostra na que o peregrino deixa de ser por un momento un anónimo camiñante e se converte nun protagonista do Camiño que, coa experiencia que lle ofrece a peregrinación, se manifesta ante a cámara que documenta esa especial e sentida vivencia.

Múltiples son as motivacións polas que o ser humano peregrina, polas que decide andar un camiño e culminar a viaxe ata unha meta determinada. Múltiples son tamén os sentimentos que en cada persoa afloran ao longo do percorrido. E múltiples son, igualmente, as experiencias que cada peregrino vive coa súa peregrinación.

A diversidade étnica e cultural das xentes que percorren esta vía de peregrinación supón un valor engadido que enriquece e dá forza á peregrinación xacobea que transcende os límites dunha crenza relixiosa. Cidadáns procedentes de todos os territorios do mundo, dos lugares máis diversos e arredados, e da extracción social máis diferente, de distintos credos e condición, emprenden a ruta ata Compostela.

Como non podía ser doutra maneira, o Camiño de Santiago converteuse nun rico material a documentar, nunha fonte inesgotable para os creadores e para os artistas. O experimentado fotógrafo compostelán Tino Martínez, afeito a esa fotografía directa e chea de forza, que capta como poucos aquilo que non se ve, ofrece unha mostra na que o peregrino deixa de ser por un momento un anónimo camiñante e se converte nun protagonista do Camiño que, coa experiencia que lle ofrece a peregrinación, se manifesta ante a cámara que documenta esa especial e sentida vivencia.