Languages

Inicio
Cultura Xunta

DÍA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS

Os museos, como organismo institucional, xeran os seus propios arquivos administrativos. A parte dos expedientes producidos polos traballos cotiáns de xestión, polo xeral, os museos teñen fondos documentais e fondos bibliográficos, que non se deben confundir.

Aínda que a súa natureza material é similar, en papel con manuscritos e impresos, e actualmente os soportes dixitais; a contraposición reside na forma na que se xeran estes documentos. Para diferencialos é imprescindible o principio de procedencia.

A lei de patrimonio define arquivo como “o conxunto orgánico de documentos ou a reunión de varios deles, reunidos polas persoas xurídicas, públicas ou privadas, no exercicio das súas actividades, ao servizo da súa utilización para a investigación, a cultura, a información e a xestión administrativa. Así mesmo, enténdense tamén por arquivos as institucións culturais onde se reúnen, conservan, ordenan e difunden, para os anteriormente citados, devanditos conxuntos orgánicos”.

Os arquivos nos museos responden a tres tipos básicos de documentación: os arquivos xerados polo propio organismo, materiais que forman parte das súas propias coleccións e materiais similares que teñan no seu depósito.

Os arquivos nos museos poden incluír, entre outros, os seguintes tipos de documentación: documentos sobre a propia historia do museo e a súa administración. Documentos relacionados coas coleccións do museo. Arquivos completos doutras institucións relacionados coa temática que cobre o museo. Coleccións de materiais relacionados con materias diversas. Documentos variados como folletos, programas, calendarios… Fotografías. Material audiovisual. Material informático.

Os instrumentos do arquivo do museo deben estar dispoñibles para a súa consulta pública e deberán difundirse todo o posible. A demanda de consulta pode vir de tres grupos, o propio persoal do museo investigando para documentar as pezas, persoal doutros museos ou institucións análogas e público en xeral.

Os fondos documentais e os documentos de arquivo nun museo:

“Os documentos de arquivo son o subproduto documental das actividades que desenvolve o ser humano e son conservados a longo prazo polo seu valor testemuñal”. Un documento de arquivo é un instrumento de carácter contemporáneo que é creado por individuos e organizacións no desenvolvemento das súas actividades; co transcorrer do tempo estes documentos converteranse nun testemuño que nos permitirá ter acceso aos eventos ocorridos no pasado. Os documentos de arquivo son variados en forma e contido, podemos atoparnos con documentos escritos, fotográficos, gráficos, sonoros, dixitais, analóxicos, etc.

O arquivo dun museo pode almacenar os documentos de carácter administrativo ou tamén os denominados fondos documentais. Enténdese por fondo documental, todos os documentos que informan sobre os fondos museográficos e a historia do museo, mentres que nalgúns casos o arquivo está formado polos documentos relativos á xestión e conservación da documentación administrativa. A clave para diferenciar un e outro está no principio de procedencia, no carácter orgánico e na figura do produtor.

Outro caso moi diferente a estes tipos de arquivos, son os fondos bibliográficos que adoita albergar a biblioteca do museo, rexida por unha normativa diversa. As bibliotecas de museo están formadas por documentos textuais, libros e publicacións seriadas e outros materiais especiais en termos bibliotecarios, cuxa característica básica é ser exemplares dunha edición seriada.

Estes fondos, xunto cos fondos museográficos, forman parte de todo o patrimonio cultural que recollen nas súas dependencias as institucións museísticas. Todos están sometidos a normas de conservación e preservación para que chegue en perfectas condicións de acceso ao seu público consumidor, a propia institución, persoal investigador ou público en xeral.

Feliz día dos arquivos!

Bibliografía:

HEREDIA HERRERA, A (1993): Archivística general. Teoría y práctica. Sevilla.

INSUA LACAVE, E. (2008): “Las colecciones de las bibliotecas de los Museos Estatales”. Mesa redonda sobre Colecciones en Bibliotecas Especializadas, en 28 Feria Internacional del Libro. LIBER. Barcelona 7 – 10 de octubre 2008.

LA TORRE MERINO y MARTÍN – PALOMINO BENITO (2000): Metodología para la identificación y valoración de los fondos documentales. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, S.G. de información y Publicaciones, 2000.  http://www.mcu.es/ccbae/es/consulta/registro.cmd?id=154666

Ley 16/1985 de 25 de junio, del Patrimonio Histórico Español.

Ley 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia.

Información web:

https://www.ica.org/es/semana-internacional-de-los-archivos-8-al-14-de-junio-2020
https://evemuseografia.com/2016/03/22/archivos-de-museo-su-funcionamiento/

 

 

fecha_interna: 
martes, June 9, 2020