Languages

Inicio
Cultura Xunta

DOCUMENTO ESTÉTICO

Fotografías de Ourense

28/03/2017 - 28/05/2017

Marqués de Santa María del Villar

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense produciu unha mostra sobre Diego Quiroga Losada (1880 – 1976), Marqués de Santa María del Villar, fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural, aspecto que coincide cun dos principais obxectivos dos museos. Unha das liñas expositivas do Museo Das Peregriancións e de Santiago ten precisamente como prioridade afondar en todos aqueles temas que propician a revalorización do patrimonio cultural galego coa intención de dalo a coñecer e potenciar os nosos ben culturais. Esta mostra é unha boa oportunidade de achegarnos a visións, hoxe desaparecidas da provincia ourensá, grazas á colaboración entre dúas intititucións museisticas que aúnan esforzos para rentabilizar o seu traballo.

O autor, Diego Quiroga Losada, procedente dunha familia acomodada puido terse dedicado a unha profesión máis lucrativa ou desenvolver a súa actividade de xeito que lle proporcionase máis ingresos, mais dese modo, o Marqués de Santa María del Villar –nome co que é coñecido artisticamente– quizais non tivese ocupado un lugar destacado dentro da fotografía española. Cun estilo moi recoñecible no que a súa fotografía busca captar a beleza da imaxe retratada sen máis intervención do fotógrafo que a escolla do momento adecuado de luz, o Marqués de Santa María del Villar é distinguido como o máximo representante da coñecida como fotografía turística, labor que desenvolveu profusamente na prensa de maior tirada, á par que colaboraba con calquera institución que favorecese o coñecemento das riquezas culturais, naturais e artísticas do país.

Debido ao seu traballo e a unha afección viaxeira infatigable recorreu todos os recantos da xeografía española formando un grande arquivo. Moitas das súas fotografías tiñan como obxecto o norte peninsular polo que tiña especial predilección, e por suposto Galicia, terra dos seus ascendentes, á que estivo moi vinculado. Esta querenza deixarase sentir nos textos con que acostumaba acompañar as imaxes que publicaba, amenos pero ben documentados, en ocasións ben reivindicativos pola desprotección na que se encontraban eses lugares ou monumentos.

No ano 1959 o Marqués de Santa María del Villar realizou unha viaxe pola provincia de Ourense coa finalidade de promover os seus valores patrimoniais. A travesía levouno por practicamente toda a xeografía auriense captando imaxes que serían utilizadas en numerosos medios: publicacións, folletos promocionais e mesmo campañas de difusión nacional. Tamén nun libro de gran formato titulado Orense no que incluíu fotografías máis antigas. Gran parte da colección de positivos orixinais realizados nesa xeira consérvase no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o que nos permite, a través dunha escolma, presentar un percorrido por algunhas das paisaxes culturais da provincia, coa vontade de transmitir unha vivencia, neste caso a de Diego Quiroga Losada, Marqués de Santa María del Villar.