Languages

Inicio
Cultura Xunta

Fe. Tino Martínez 1971 - 2016

02/07/2021 - 31/10/2021

Tino Martínez

Fe, a nova exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago, ten como finalidade realizar  unha retrospectiva que recolla o traballo do fotógrafo Tino Martínez  entre 1971 e 2016. Centrada na serie de celebracións relixiosas populares de Galicia: as romarías.
A cámara do consagrado fotógrafo compostelán, Tino Martínez, capta como poucos aquilo que non se ve nestas festividades populares onde se mestura o relixioso e o profano, a devoción, a festividade e a fe, a principal motivación que funciona como nexo vertebrador desta nova mostra fotográfica do MDPS.  

A romaría son dúas metades dun mesmo corpo que se complementan. Por unha banda, o sagrado, na que as persoas achegan a súa devoción e ofrendas á divindade. Este é o compoñente que máis lle interesa a Tino Martínez e a súa cámara lévao buscando máis de corenta anos no Nazareno (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), nos Milagres de Amil (Pontevedra), no Santo Cristo de Xende (A Lama, Pontevedra), na Virxe da Xunqueira (Cee, A Coruña), en Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra) e no Corpiño (Lalín, Pontevedra). Cada instantánea é unha homenaxe, próxima e dende o respecto, a esas xentes.

A outra metade é a profana, máis relacionada co festivo, non lle interesa a Tino, mais impregna irremediablemente varias instantáneas do autor. A realidade destes actos é complexa e diversa, non estanca, conformándose así un fondo común que nos ilustra sobre a heteroxeneidade das situacións e xentes das romaxes galegas.

Tino Martínez (Santiago de Compostela, 1943) decidiu dedicarse á fotografía con 20 anos e comezou en serio nela con 25 e sen cámara propia. Esta é só unha circunstancia que amosa como os anos foron modelando un profesional autodidacta de férrea disciplina. El preferiu sempre traballar directamente co cliente, a partir de 1988 dende o seu estudo na rúa Nova, para facer avanzar a súa particular mirada. Ademais da súa amada cidade natal, os repertorios máis recoñecidos del son as series de celebracións relixiosas populares que abranguen medio século de historia. A mostra que hoxe ocupa o Museo das Peregrinacións e de Santiago quere servir a modo de homenaxe a toda a súa traxectoria con fotografías que abranguen dende 1971 ata 2016.

Podes visualizar o vídeo da exposición "Fe. Tino Martínez 1971 - 2016"  na nosa canle de Youtube  con entrevista e opinións do fotógrafo. 
Ligazón https://bit.ly/3lwYtBw