Languages

Inicio
Cultura Xunta

INMATERIAL

Patrimonio e memoria colectiva

16/04/2019 - 23/06/2019

Patrimonio Cultural de España, Subdirección Xeral de Promoción das Belas Artes e Museo Nacional de Antropoloxía,

Inmaterial. Patrimonio e memoria colectiva realiza un percorrido polas orixes do Patrimonio Inmaterial a través das instantáneas dalgúns dos fotógrafos documentalistas españois e estranxeiros máis importantes da historia como Jean Laurent (fotografías realizadas entre 1860 e 1886), Mariano Moreno (1892-1925), Baltasar Cue (1891-1894), Aurelio de Colmenares e Orgaz, Conde de Polentinos (1894-1935), Pedro Ibarra (1858-1934), Eustasio Villanueva Gutiérrez (1913-1929), Otto Wunderlich (1914-1933), António Passaporte, Loty (1927-1936), Luís Escobar López (1920-1960) e Cristina García Rodero, entre outros, procedentes dos ricos fondos do Instituto de Patrimonio Cultural de España e outras institucións.

A UNESCO, na súa “Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial”, que se asinou en Paris o 17 de outubro de 2003, considera patrimonio cultural inmaterial as tradicións e expresións orais, incluído o idioma, as artes do espectáculo, os usos sociais, rituais e actos festivos, os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo, e as técnicas artesanais tradicionais.
Esta exposición ilustra algúns deses contidos a través de imaxes que foron tomadas con bastante anterioridade á Convención. Fíxose, por tanto, unha relectura en clave actual de fotografías que non tiñan a mesma intención documental que nos move agora, nin que, no seu momento, se amparaban baixo o paraugas do patrimonio inmaterial.
A participación do espectador vólvese necesaria para lles engadir ás imaxes algo que está presente nelas pero non de maneira explícita. As persoas, máis aló da súa aparencia física, relaciónanse entre elas e interactúan en diferentes lugares, xa sexan festivos, laborais ou domésticos. Aparecen en situacións que hoxe nos seguen resultando comprensibles, a pesar do cambio socioeconómico que resulta moi visible. Non obstante, aínda as podemos cargar de precisións coa nosa visión, incorporarlles os coñecementos técnicos necesarios para calquera actividade laboral, os sentimentos afectivos ou lúdicos, ou as regras sociais que rexen as relacións humanas.