Languages

Inicio
Cultura Xunta

LALIBELA

Cerca do ceo

12/07/2019 - 03/11/2019

Cristina García Rodero

Cristina García Rodero, fotógrafa cunha longa traxectoria profesional que a leva a formar parte de Magnum Photos en 2005, preséntanos con Lalibela: cerca do ceo unha compilación de fotografías do proxecto que leva a cabo en Etiopía entre os anos 2000, 2004 e 2009. Dentro dese país, quedou especialmente fascinada coa cidade de Lalibela.

Esta cidade, situada no corazón das montañas de Etiopía, está considerada como sagrada polos etíopes. Recibiu o seu nome actual do rei Gebra Maskal Lalibela, que gobernou entre 1172 e 1212 e quixo facer da cidade unha Nova Xerusalén. Para iso mandou construír once igrexas medievais, escavadas e esculpidas na rocha, convertendo Lalibela nun lugar sagrado para a cristiandade etíope e nun centro de devoción e peregrinación para os cristiáns ortodoxos etíopes. As súas once igrexas medievais foron declaradas Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1978. Alí acoden cada ano miles de peregrinos, especialmente coincidindo coa festa do Timkat (a Epifanía), para venerar os tabot (cofres que encerran unha copia da sagrada Arca da Alianza) e para unxirse coa auga bendita.

Nas imaxes de García Rodero podemos observar tanto a beleza e peculiaridade das igrexas medievais, a paisaxe e as rochas, como a riqueza das cerimonias e os ritos que alí se celebran. As súas fotografías introdúcenos nunha viaxe simbólica por esa terra santa, esa cidade bíblica. Nunha das fotografías, os peregrinos rodean nunha especie de semicírculo a Igrexa de San Xurxo. Outra remítenos ás imaxes que gardamos na nosa memoria de Xesús predicando no deserto rodeado dos seus apóstolos. Belísimas son as imaxes dos fieis que xorden dos vans das igrexas coas súas túnicas brancas. Así mesmo, impresionan os retratos: uns cos seus rostros sucados de engurras, outros cunha mirada que sorprende pola súa dozura e bondade, outros pola sabedoría que transmiten.

A fotógrafa tamén soubo captar a intimidade no medio da multitude, o recollemento, os rezos, a lectura dos evanxeos, os cantos, os momentos de descanso no longo peregrinar, os ritos pagáns, os rituais. Estas imaxes transpórtannos a esa cidade, Lalibela, na que o tempo parece que se detivo para somerxernos cos seus ritos e cerimonias nun tempo bíblico, que criamos perdido.