Languages

Inicio
Cultura Xunta
31/01/2017

Pescuda no traballo interno do MDPS

Coa eliminación ou perda dalgúns dos elementos que conforman unha obra, corremos o risco de desvirtuala: que pasaría se o Discóbolo de Mirón perdera o disco? En ocasións, os restauradores non teñen máis opción que reconstruír os elementos que se perden no tempo para perpetuar o sentido da obra. Mesmo o detalle máis inusual pode ser obxectivo de restauradores.

Proceso de restauración dunha imaxe do Apóstolo Santiago

Habitualmente as pezas sobre as que se realiza unha intervención posúen zonas moi fráxiles que van perdendo os seus elementos co paso do tempo, e os extremos soen ser as partes máis afectadas –cantas imaxes do Neno Xesús vemos no Nadal sen dedos!–. Cando isto acontece, a intervención formúlase en liñas de reconstrución.

Nesta imaxe do Apóstolo Santiago había un dos elementos que estaba a causar máis problemas dos debidos: o sombreiro. Non estaba ben fixado á figura, e ademais foi perdendo certas pezas que conformaban o seu ornamento.

Unha vez que a peza estivo lista para traballar (despois dun proceso de limpeza e desinfección, principalmente), comezou a labor de reconstrución. Son os pequenos detalles, como os bordonciños decorativos ou o borde da peza, os que habitualmente precisan dunha maior atención.

Usando un material manexábel, similar á arxila, reconstruíronse volumetricamente as partes perdidas da peza. Posteriormente, os engadidos foron recubertos con estuco sintético de cor branca. Unha vez realizada a reintegración matérica, procédese ao último paso: a reintegración cromática. Neste último paso é cando se logra a continuidade estética e visual da peza, á vez que fica patente que é unha intervención e non o orixinal, aínda que, algunhas veces, só un ollo experto pode realizar esta distinción.