Languages

Inicio
Cultura Xunta
07/08/2018

PESCUDA NO TRABALLO INTERNO DO MDPS

Á hora de visitar as salas dun museo atopámonos cunha serie de normas que moitas veces poden parecer incomprensibles: non flash, non mochilas, non líquidos, grupos limitados... Toda esta normativa responde a un único obxectivo: a preservación e protección dos bens patrimoniais que se exhiben.

O control das condicións climáticas e de seguridade dentro das salas dun museo é fundamental para a conservación dos bens artísticos expostos. Isto chámase conservación preventiva, que en palabras de Gaël de Guichen é “aumentar a esperanza de vida dos obxectos”.

Os obras de arte que expón e almacena un museo, poden ser de natureza orgánica ou inorgánica, e conseguiron chegar até os nosos días a pesar do paso do tempo. Por iso, o labor da conservación preventiva é tan importante, xa que supón o medio para poder legar ás xeracións futuras o uso e goce destas coleccións nas mellores condicións posibles.

Á hora de falar de conservación preventiva nun museo debemos ter en conta que non todos os obxectos almacenados ou expostos teñen a mesma natureza, polo tanto os procesos de degradación aos que se ven sometidos varían en función da súa composición.

Por exemplo, os materiais orgánicos, os que proceden do mundo vexetal ou animal, son sensibles aos cambios de humidade e temperatura, e adoitan ser branco fácil de fungos e insectos se non se toman as precaucións e as medidas axeitadas. Por outra banda, os materiais inorgánicos, normalmente de natureza mineral, aínda que son máis estables non se libran da degradación producida polo ambiente (temperatura, luz, humidade) e que, por exemplo, pode causar corrosión nos metais.

Deste xeito, son varios os factores que se deben controlar para manter os fondos museográficos nas mellores condicións ambientais posibles que eviten e poñan freo a súa natural degradación:

  • A humidade e a temperatura: o obxectivo da conservación preventiva é acadar unha temperatura e humidade relativa estable. Unha humidade relativa demasiado alta (máis do 70%) pode producir a aparición de fungos en materiais orgánicos e corrosión nos metais; unha humidade relativa demasiado baixa (menos do 40%) produce tensións nos materias higroscópicos que poden causar fisuras (Moyano, 2011: 32). A temperatura e a humidade están vinculadas intrinsecamente, xa que o nivel relativo de humidade no aire depende da temperatura. Unha temperatura inadecuada por si soa tamén ten consecuencias, como é a dilatación de materiais ou a aceleración de procesos químicos, incluídos os fotoquímicos producidos pola luz e o envellecemento de materiais ( Moyano, 2011: 32).
  • A luz: a luz é enerxía en forma de ondas electromagnéticas, ao igual que os raios X, a radiación ultravioleta e infravermella (Moyano, 2011: 13). A iluminación nun museo abrangue o espectro da luz visible e non visible. Nunha exposición podemos atopar materiais moi sensibles á luz como son determinados pigmentos, tinturas, colorantes ou mesmo as fotografías a cor. Os danos producidos pola luz son de natureza fotoquímica, irreversibles e acumulativos (Moyano, 2011: 35). Entre as consecuencias producidas pola luz podemos atopar a perda de cor, palidecemento, fraxilidade dos téxtiles, craquelados... O grado de afectación depende tanto dos materiais como da súa composición.
  • A contaminación: a contaminación e a polución tamén afectan as obras de arte provocando cambios de acidez, oxidación, corrosión, manchas...

Mecanismos de control:

Para evitar estas perdas contamos con determinados mecanismos de control do clima cuxa finalidade é a de manter máis ou menos estable a humidade relativa, a temperatura, así como controlar as partículas contaminantes e o efecto lumínico sobre as obras.

Os conservadores e as conservadoras dos museos son o persoal técnico encargado de que estas medicións sexan as mellores posibles para cada obxecto e materia, tendo en conta sempre o equilibrio entre recursos e espazo. O persoal de sala e de vixilancia teñen o labor de velar pola salvagarda física dos bens patrimoniais expostos e evitar calquera perigo para estes.

Agora cando visitedes unha sala dun museo xa non vos resultará estraño atopar determinados instrumentos como os deshumificadores, humificadores, termohigrómetros (aparellos que rexistran a humidade e a temperatura) ou incluso medidores de temperatura dentro das vitrinas. Esperamos que agora a presenza de todos estes obxectos teña a súa explicación.

O patrimonio é un ben de todos e é a nosa responsabilidade salvagardalo nas mellores condicións para o goce das xeracións vindeiras.

BIBLIOGRAFÍA:

  • De GUICHEN, G. (2009): «Medio siglo de Conservación Preventiva», en Revista GEIIC, n.º 0. 42. Disponible en: www.revista.ge-iic. com. http://geiic.com/files/Cursos/Gael_de_Guichen.pdf.
  • KÜHN, H. (1981): Erhaltung und Pflege von Kunstwerken und Antiquitäten, vol. 1, Múnich: Keysersche Verlagsbuchhandlung.
  • FERNÁNDEZ, C., ARCHAVALA, F., MUÑOZ – CAMPOS, P. y de TAPOL, B. (2008): Conservación preventiva y procedimientos en exposiciones temporales, Madrid.
  • MOYANO, N. (2011): La climatización e iluminación de la sala durante las exposiciones de obras de arte, Conservación y Restauración del Patrimonio 4, Trea ed.