Languages

Inicio
Cultura Xunta

Por fin Santiago!

09/11/2017-31/12/2017

Alfredo González

En colaboración co 2º Encontro Internacional de Cadernos de viaxe: Compostela Ilustrada poderase visitar esta mostra que recolle unha selección dos debuxos que Alfredo González realizou da cidade de Santiago de Compostela no ano 2012 para unha exposición que o Museo produciu nese mesmo ano e que tivo lugar na antiga sede, a Casa Gótica .

Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.

Alfredo González debuxou o Camiño de Santiago coincidindo coa peregrinación que realizou en 1991, estes debuxos foron obxecto dunha exposición neste mesmo museo baixo o título: Alfredo debuxa o Camiño. Pero aínda quedaba algo pendente, por iso no ano 2012 Alfredo volveu a Compostela xa que era un compromiso que asumira con este museo. Moveuse silandeiro pola cidade captando o máis monumental e o máis doméstico, o máis urbano e o máis rural. Debuxou por fin Santiago!

O resultado foi un proxecto singular, cheo da frescura que Alfredo é quen de lle dar aos seus debuxos, poñendo en movemento os monumentos, o casarío e as paisaxes ao captar con esa perspectiva, que a miúdo vai máis aló do que abrangue o ollo humano, visións cotiás vestidas dunha singularidade e dunha familiaridade pouco habituais e tamén imaxes perdurables que se sitúan fóra dunha dimensión temporal.

Esta exposición enmárcase dentro do programa do 2º Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe: COMPOSTELA ILUSTRADA, dirixido por Miguelanxo Prado e que traerá a cidade a máis de douscentos participantes e dez mestres convidados, entre eles o propio Alfredo González.