Languages

Inicio
Cultura Xunta

De oca a oca...

polo Camiño de Santiago

22/10/2004 – 30/01/2005

Luisa Rubines

A fotógrafa novel Luisa Rubines, presenta un interesante proxecto no que se xuntan as súas experiencias coma artista e peregrina no Camiño de Santiago, coa súa investigación sobre un tema tan antigo coma pouco tratado: a relación entre o Camiño de Santiago e o Xogo da Oca. Con esta exposición preténdese dar cabida a tódalas visións sobre a experiencia peregrinatoria pois, detrás de calquera delas existe sempre un compoñente de reflexión, de sabedoría, que está a recoller unha maneira de sentir ou unha rica tradición non sempre correctamente comprendida.

Luisa Rubines, nova fotógrafa galega, residente en Londres dende 1994 que desenvolveu a súa formación académica no London College of Printing e na Universidade de Westminster, presenta unha serie de fotografías que intentan demostra-lo que para algúns cada día presenta máis indicios de verosimilitude: ¿É o Xogo da Oca a representación simbólica do Camiño de Santiago? Ela así o cre, coma cre e viviu a potencia transformadora e enerxizante deste itinerario sagrado posto que para comprobar sobre o terreo o que os diversos estudiosos no tema formularon, percorreu a rota xacobea en varias ocasións dende o ano 2001.

A mostra fotográfica reflicte deste modo dous asuntos, o paralelismo dos percorridos do Camiño de Santiago e do Xogo da Oca a través de determinados puntos xeográficos e do simbolismo do contido das cuadrículas do xogo e, por outra parte, a vivencia persoal da autora coma peregrina que chegou ó final da Vía Peregrina coma un "novo ser", dando constancia persoal disto a través de textos persoais que acompañan ás fotografías coma expresión da súa experiencia e do seu traballo.

O Xogo da Oca parece ter orixe no s. XII, en relación coa Orden do Temple, orde dedicada á protección da Fe Cristiá defendendo os santos lugares e os camiños de peregrinación, entre eles o de Santiago. Sen embargo, anque a súa orixe é incerta, xa que diversos estudiosos a sitúan noutras épocas e lugares, o que parece estar constatado é o seu marcado significado simbólico. Sería un xogo iniciático sobre o que ó mesmo tempo se representaría un itinerario cara ó Coñecemento Supremo, o Sagrado, e unha forma simbólica de realiza-lo Camiño de Santiago para aqueles iniciados que non puideran realizalo fisicamente. En ámbolos xogos a metáfora entre a viaxe cara á busca da perfección sería a mesmo viaxe que representa a vida de cada individuo cara ó seu fin e, ó mesmo tempo, cara á súa renovación, coas súas etapas benfeitoras (pontes, ocas) e os seus momentos inquietantes (labirinto, cárcere, morte...). Supúxose que o taboleiro é o camiño e as fichas, os peregrinos e, así mesmo, as cuadrículas terían a súa correspondencia xeográfica real en relación ademais á súa posición numérica sobre o taboleiro.

Con esta mirada Luisa Rubines percorreu e reflectiu o Camiño de Santiago e as súas 63 cuadrículas-etapas fotografando aqueles lugares que, segundo a súa opinión coinciden coas cuadrículas do Xogo da Oca: Viscarret e Puente la Reina (pontes), Logroño (pousada), Castroxeriz (o pozo), Valcárcel (o cárcere), ou Santiago (a morte) e...Fisterra (o cisne e a doncela da última cuadrícula, a renovación, a transformación...o Coñecemento).