Languages

Inicio
Cultura Xunta

O ano 1999 supón o inicio da programación expositiva do Museo das Peregrinacións. Coincidindo coa celebración do Xacobeo 99, o museo elabora o seu primeiro programa para colaborar dun xeito activo na oferta cultural da cidade. A exposición é a linguaxe que caracteriza ao museo e o MDPS está firmemente convencido que é o principal medio de transmisión da súa mensaxe científica, e tamén o mellor xeito de comunicar os valores do propio centro ao público.

O primeiro programa expositivo que se puxo en marcha foi o de Peregrinacións no mundo, e que de xeito moi resumido está fundamentado nas seguintes premisas: complementariedade co discurso expositivo, contribución ao acrecentamento intercultural, alto valor documental combinando aspectos novidosos e inéditos.

Mostra de varios libro relacionados coa peregrinación no mundo

As mostras programadas polo museo entre 1999 e 2001 estaban incluídas unicamente neste primeiro programa de Peregrinacións no mundo. Tras esta etapa incorporáronse novas liñas expositivas coa pretensión de afondar e difundir outros ámbitos temáticos. Así no programa As outras Peregrinacións encádranse proxectos expositivos ou outras expresións artísticas de calidade, que aínda que relacionados co impulso peregrinatorio do ser humano, poden estar contemplados desde outros aspectos non enmarcados estritamente no sentir relixioso, e que se aproximan a este fenómeno contemplando aspectos internos ou conceptuais.

Mostra 2 de varios libro relacionados coa peregrinación no mundo

Un terceiro programa de Investigación histórica, inclúe: proxectos cun alto carácter investigador que ten como obxectivo afondar en aspectos científicos do contido temático do museo, do Camiño de Santiago e aqueloutros temas relacionados co fenómeno peregrinatorio desde un punto de vista histórico.

Mostra de varios libros relacionados coa investigación histórica

A Revalorización do Patrimonio Cultural Galego é o principal obxectivo dun cuarto programa que ten como prioridade dar a coñecer e potenciar o noso patrimonio, especialmente aquel relacionado con Galicia, co Camiño de Santiago e a meta da peregrinación xacobea: a cidade de Compostela.

Mostra duns libros relacionados coa Revalorización do Patrimonio Cultural Galego

Finalmente tense concibido unha liña de programación transversal para facilitar a posibilidade de realizar mostras de artistas noveis ou cando menos non consagrados, e que independentemente da temática da exposición, a premisa básica ten que ser: o potenciar a creación cultural e converter ao museo nun auténtico foro de portas abertas, non só para o público, senón tamén para todos aqueles creadores que ofrezan proxectos expositivos que combinen calidade artística e unha acentuada dimensión documental. Proxectos que achegan contidos novos e cobren ocos temáticos en calquera dos programas expositivos antes citados.

publicacións de autores noveis