Error message
Notice: Undefined index: tid_1 in include() (line 124 of /var/www/vhosts/W_MUPERE/sites/all/themes/bootstrap/theme/views/views-view--exposiciones-historico.tpl.php).Viae Ad Limina Sancti Iacobi
02/06/2020 - 25/10/2020
Chencho Pardo Valdés
Viae Ad Limina Sancti Iacobi é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición non só sorprende pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade, a caligrafía que os acompaña ten o estilo propio do autor. Redactadas e escritas por el mesmo con pluma seguindo un estilo histórico, confirenlle un aire melancólico ao percorrido por estas vilas e cidades representadas na sala expositiva do Museo das Peregrinacións e de Santiago. O relato histórico é un elemento que nos vai acompañar durante a visita, pois a través do estudo heráldico realizado polo autor, remítenos a tempos de liñaxes e estirpes que gravan a súa impronta na pedra para a perpetuidade.
EIRAVELLA. LUZ DE ESTRELAS
Colección Eiravella. Comisariado por Gonzalo Sellés Lenard
12/03/2020 - 30/05/2020
JUAN OTERO GARCÍA (1934 - 2019)
A Colección Eiravella e Gonzálo Sellés Lenard traen ao Museo das Peregrinacións e de Santiago o proxecto “Eiravella, Luz de Estrelas”. Trátase dunha selección de esculturas orixinais do autor, Juan Otero García – Eiravella- en materiais como óso de cachalote, pedra, madeira e algúns bronces, acompañados de textos e debuxos.
O Camiño Francés en 360º
Fotografías de Goyo González
22/11/2019 - 16/02/2020
Goyo González
“O Camiño Francés en 360º” fotografías de Goyo González enmárcase dentro da da liña expositiva de programación transversal do Museo. Esta modalidade fai posible a entrada de ofertas culurais de novos artistas ás salas expositivas, convertendo o Museo nun foro de portas abertas que potencie a creación cultural.
SIMPLEMENTE SANTIAGO
Joaquín González Dorao
7/11/2019 - 04/02/2020
Joaquín González Dorao
En colaboración co IV Encontro Internacional de cadernos de viaxe preséntase "Simplemente Santiago", debuxos de Joaquín González Dorao.
LALIBELA
Cerca do ceo
12/07/2019 - 03/11/2019
Cristina García Rodero
Cristina García Rodero, fotógrafa cunha longa traxectoria profesional que a leva a formar parte de Magnum Photos en 2005, preséntanos con Lalibela: cerca do ceo unha compilación de fotografías do proxecto que leva a cabo en Etiopía entre os anos 2000, 2004 e 2009. Dentro dese país, quedou especialmente fascinada coa cidade de Lalibela.
INMATERIAL
Patrimonio e memoria colectiva
16/04/2019 - 23/06/2019
Patrimonio Cultural de España, Subdirección Xeral de Promoción das Belas Artes e Museo Nacional de Antropoloxía,
Inmaterial. Patrimonio e memoria colectiva realiza un percorrido polas orixes do Patrimonio Inmaterial a través das instantáneas dalgúns dos fotógrafos documentalistas españois e estranxeiros máis importantes da historia como Jean Laurent (fotografías realizadas entre 1860 e 1886), Mariano Moreno (1892-1925), Baltasar Cue (1891-1894), Aurelio de Colmenares e Orgaz, Conde de Polentinos (1894-1935), Pedro Ibarra (1858-1934), Eustasio Villanueva Gutiérrez (1913-1929), Otto Wunderlich (1914-1933), António Passaporte, Loty (1927-1936), Luís Escobar López (1920-1960) e Cristina García Rodero, entre outros, procedentes dos ricos fondos do Instituto de Patrimonio Cultural de España e outras institucións.
Kumano Kodo: Unha peregrinación a través do tempo
A pilgrimage through the ages
24/01/2019 - 16/06/2019
Luis Gago y Aoife Ni Dhubhda
Ocupando a península de Kii, ao sur de Kioto, emperadores, cortesáns, samurais, ascetas e ultimamente peregrinos de todo o mundo, levan percorrendo esta ruta desde fai máis dun milenio.
Galicia e Wakayama están unidas por un acordo de irmandamento desde o ano 1998. Ambas as rexións comparten a honra de contar coas rutas de peregrinación máis antigas do mundo declaradas Patrimonio Mundial pola UNESCO, que ademais están a experimentar un crecente interese turístico ano tras ano.
O CAMIÑO DE SANTIAGO DEBUXADO
04/10/2018 - 27/01/2019
JOAQUÍN GONZÁLEZ DORAO
O ilustrador gaditano Joaquín González Dorao presenta a súa vivencia como peregrino a través dos seus debuxos e acuarelas. Estes conforman un libro de viaxe, no que percorre o Camiño Francés dende Roncesvalles a Santiago.
Camiñantes
22/06/2018 - 30/12/2018
Tino Martínez
O experimentado fotógrafo compostelán Tino Martínez, afeito á fotografía directa e chea de forza, que capta como poucos aquilo que non se ve, ofrece con Camiñantes unha mostra na que o peregrino deixa de ser por un momento un anónimo camiñante e se converte nun protagonista do Camiño que, coa experiencia que lle ofrece a peregrinación, se manifesta ante a cámara que documenta esa especial e sentida vivencia.
Por fin Santiago!
09/11/2017-31/03/2018
Alfredo González
En colaboración co 2º Encontro Internacional de Cadernos de viaxe: Compostela Ilustrada poderase visitar esta mostra que recolle unha selección dos debuxos que Alfredo González realizou da cidade de Santiago de Compostela no ano 2012 para unha exposición que o Museo produciu nese mesmo ano e que tivo lugar na antiga sede, a Casa Gótica .
Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.
O Camiño Francés a Santiago
09/11/2017-31/12/2017
Mestre Munehiro Ikeda
A mostra recolle reproducións a gran escala dunha selección dos debuxos realizados por Munehiro Ikeda na súa obra El Camino de Santiago en España realizado en los años 1983-1984, exemplar orixinal que forma parte da exposición permanente deste Museo na sede das Praterías.
Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.
Αγιον Ορος
Peregrinación ao Monte Athos
07/07/2017 - 15/10/2017
Fernando Moleres
(Agion Oros, Santa Montaña) é o nome do estado teocrático constituído polos vinte mosteiros ortodoxos que ocupan a península coñecida como Monte Athos. As especiais condicións orográficas e de illamento fixeron do Monte Athos un lugar buscado polos monxes desexosos dunha vida de renuncia e oración e, de feito, convertérono no territorio coa maior concentración de mosteiros e no principal referente do monacato ortodoxo.
Fernando Moleres documentou coa súa cámara anacos da realidade cotiá do Monte Athos. Fotografou o escenario e as persoas, e tamén o sentimento e a espiritualidade. Nas súas sucesivas viaxes capturou multitude de imaxes que dan forma a un proxecto sobre a vida monástica.
Camiño de Shikoku
21/07/2017-24/09/2017
A peregrinación no Camiño de Shikoku (Shikoku Henro) é unha viaxe por unha ruta espectacular, ao longo de mil catrocentos kilómetros trazados nas catro prefecturas de Shikoku: Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa. A ruta está asociada con 88 templos que contan dende a súa orixe con íntimos vínculos con Kobo Daishi, un sacerdote budista xaponés máis coñecido como Kukai.
Esta exposición promocional amosa o Camiño de Shikoku, a través dalgunha peza histórica e imaxes da peregrinación na actualidade.
NA PROCURA DO PASADO
Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense
07/03/2017 - 28/05/2017
Esta exposición, producida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, foi pensada para render homenaxe a todos aqueles arqueólogos que fixeron posible reconstruir a nosa historia. A través das fotografías expostas, hoxe auténticos documentos históricos, podemos coñecer o seu traballo.
Na mostra destacan algunhas das pezas máis significativas recuperadas mediante intervencións arqueolóxicas como o Guerreiro de Armea, o Sedente de Xinzo, as xoias de Regodeigón, a Arracada de Vilar de Santos, a Tabula de Castromao ou o Mosaico da Cigarrosa. Estas pezas son a testemuña da sociedade que as creou e utilizou, pero tamén dos investigadores que as descubriron e estudaron.
DOCUMENTO ESTÉTICO
Fotografías de Ourense
28/03/2017 - 28/05/2017
Marqués de Santa María del Villar
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense produciu unha mostra sobre Diego Quiroga Losada (1880 – 1976), Marqués de Santa María del Villar, fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural, aspecto que coincide cun dos principais obxectivos dos museos. Unha das liñas expositivas do Museo Das Peregriancións e de Santiago ten precisamente como prioridade afondar en todos aqueles temas que propician a revalorización do patrimonio cultural galego coa intención de dalo a coñecer e potenciar os nosos ben culturais. Esta mostra é unha boa oportunidade de achegarnos a visións, hoxe desaparecidas da provincia ourensá, grazas á colaboración entre dúas intititucións museisticas que aúnan esforzos para rentabilizar o seu traballo.
A CONTEMPLACIÓN DO INVISIBLE
Iconas rusas. Colección Santos-Illueca
13/07/2016 - 31/01/2017
Esta exposición ten por obxecto mostrar ao público un importante depósito recibido pola Xunta de Galicia para a súa custodia, estudo e exhibición no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A colección Santos Illueca está composta por 280 pezas, das que 276 son iconas rusas, encadrables en tipoloxías e cronoloxías diversas, datables entre o século XV e o XX. Todas elas dunha alta calidade artística e dun importante valor cultural.
José Guitián
Fotógrafo en Compostela, 1950-1980
07/11/2015 - 28/02/2016
José Guitián
“Cheguei á fotografía na cidade de Santiago por casualidade, debido a que a Guerra Civil impediu que puidese estudar na Universidade, como querían os meus pais, pero agora non me imaxino tendo sido outra cousa: poñerse detrás da cámara, mirar polo obxectivo e disparar unha foto é un acto de relación coa máquina, pero sobre todo é sempre un acto individual de creación e debe de acabar nun acto de comunicación, de cultura”.
Así entende o fotógrafo José Guitián Seijo, nacido en Cuba en 1925, a profesión que centrou a súa vida, unha vida marcada, ademais de pola fotografía, por outras dúas grandes paixóns: a cidade de Santiago de Compostela e unha inquietude social e cultural sen límites. Son tres paixóns que continúan no presente.
Iconas Rusas
Presentación dunha colección
16/06/2014 – 30/11/2014
A exposición ten por obxecto mostrar unha reducida selección dun importante depósito recibido recentemente para a súa custodia, estudo e exhibición no MDPS. O que vai posibilitar un meirande aproveitamento social e cultural dun conxunto de titularidade privada que practicamente non se coñecía no ambiente museístico.
Trátase dun conxunto de mais de 250 pezas, das que case a totalidade son iconas da escola rusa encadrables en tipoloxías e cronoloxías diversas, datables entre o século XV e o XX, cunha maior representación de iconas producidas ao longo do XIX, todas elas dunha alta calidade artística e dun importante valor cultural. A exposición é unha escolma de 35 iconas representativas da colección, que pretende dar a coñecer ao público a incorporación deste conxunto.
Il Cammino di Francesco
Exposición producida pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
11/04/2014 – 02/06/2014
Steve McCurry
A magnética personalidade de san Francisco animou a Steve McCurry a revivir a súa lembranza e o seu legado nas paisaxes que lle serviron de marco á vivencia do espírito do poverello. Nestes ámbitos de espiritualidade que forman parte da memoria viva da Humanidade –o Val Santo de Rieti, con Fonte Colombo, onde se escribiu a Regra franciscana, Greccio e a memoria do primeiro belén, e Poggio Bustone, onde o santo iniciou o seu camiño cara a Compostela– móvese con comodidade este célebre fotógrafo estadounidense.
Steve McCurry forxou o seu poderoso estilo como informador de conflitos internacionais, como a guerra de Afganistán, a guerra entre Irán e Iraq e a do Golfo; traballos que o fixeron merecedor de premios internacionais como a Robert Capa Gold Medal. Membro da axencia Magnum desde 1986, McCurry é autor de reportaxes e imaxes publicadas na revista National Geographic, e talvez o seu retrato da cativa afgá Sharbat Gula sexa un dos de máis sona do século XX.
Les Gens du Chemin
Peregrinación a Saintes Maries de la Mer
07/05/2013 – 03/11/2013
Olga Seoane Paulus
No delta do Ródano, entre o mar e a lendaria Camarga, a pequena localidade de Saintes Maries de la Mer recibe dende moi antigo, milleiros de peregrinos para celebrar a festividade en honor ás Saintes Maríes ─Santa María Salomé e Santa María Xacobé─, e tamén para render culto a Santa Sara.
Os rituais que teñen lugar así como o fervor dos asistentes, en boa medida xitanos de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición viva e adquiren un colorido inusitado que incita a moitos fotógrafos a recoller coas súas cámaras imaxes suxestivas e singulares das celebracións e dos propios peregrinos. Tal como fixo a autora deste proxecto, Olga Seoane Paulus, durante os cinco anos en que reuniu o material que conforma esta exposición: auténticos documentos gráficos cheos de vida, colorido e devoción.
Paso a paso
24/07/2012 – 30/12/2012
Esta exposición concíbese como testemuña do Museo das Peregriancións e de Santiago na inauguración da futura nova sede do museo, no edificio do antigo Banco de España na praza de praterías e que foi concibido como a ampliación do MDPS.
A exposición é a linguaxe propia do museo. Paso a paso sintetiza a esencia e a transcendencia da actividade do MDPS, a esencia da súa mensaxe e a transcendencia dos seus logros. É tamén unha declaración de intencións: paso a paso, seguir facendo un bo camiño.
Por fin Santiago!
20/07/2012 – 02/12/2012
Alfredo González
Logo de ter debuxado o Camiño de Santiago coincidindo coa peregrinación que realizou en 1991, e que foi obxecto de exposición neste mesmo museo, Alfredo González entra na cidade de Santiago de Compostela. Camiño e cidade constitúen o groso do contido temático deste Museo das Peregrinacións e de Santiago pero son ao mesmo tempo unha fonte inesgotable de inspiración para a creación artística contemporánea.
Por fin Santiago! é o mellor colofón para un gran proxecto vinculado á realidade xacobea. Despois do camiño chega a hora de se introducir na meta e de esculcar polas rúas e polas prazas para poder sentir e captar a vida dunha cidade que aínda hoxe se move en boa medida ao son da peregrinación.
O Camiño Real de Castela a Santiago
por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata
15/03/2012 – 17/06/2012
Exposición producida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Esta exposición pretende dar a coñecer, de forma gráfica, a realidade histórica desta ruta, unha das máis importantes infraestructuras territoriais de Galicia, o proceso histórico da súa formación e transformación e a valoración do seu valor patrimonial. Tomando como base a documentación de carácter histórico-literario –crónicas, relacións de viaxes e diarios de peregrinación– vaise facendo a reconstrución do seu trazado.
Libros para un peregrino
II Concurso Internacional de Deseño e Encadernación
22/06/2011 – 18/12/2011
Con motivo da celebración do Ano Santo 2004, a Asociación para el Fomento de la Encadernación de Libros de Arte (AFEDA) en colaboración co Museo Das Peregrinacións e de Santiago, convocou o Primeiro Concurso Internacional de Deseño e Encadernación que tiña coma obxectivo crear o libro máis apropiado para un peregrino actual. As obras galardoadas pasaron a formar parte dos fondos do museo e isto supuxo o inicio dunha colección de encadernación artística de libros para peregrino, sen dúbida singular, hoxe incrementada cos premiados do Segundo Concurso, que xunto ao resto de participantes conforman esta exposición.
Completase a mostra cunha selección de pezas dos fondos do museo inéditas e que mostran diferentes tipoloxías de libros de peregrino.
Na chegada
Emocións e rostros peregrinos
15/02/2011 – 05/06/2011
Jacobo Remuñán
Exposición de fotografías a través das cales se reflicten distintos momentos, expresións, "rituais" prácticos do camiñante, transportes, diversidade étnica e cultural que ofrecen os peregrinos que chegan por fin a Santiago de Compostela. Esta selección de retratos mostra con evidente forza emocional, sentimentos, emocións e accións que son comúns á inmensa maioría dos que, despois de percorre-lo Camiño de Santiago, chegan non só a unha cidade emblemática e ansiada senón a un punto concreto, a Praza do Obradoiro, que representa a verdadeira chegada, o primeiro encontro auténtico coa cidade e a meta tan longamente cobizada.
The embed and the shadow of the horse
Incluída no programa: A CIDADE INTERPRETADA II
01/10/2010 – 28/11/2010
Lonnie van Brummelen e Siebren de Hann
Esta proposta intégrase dentro do proxecto de arte público que comisaría na cidade de Santiago de Compostela Pablo Fanego.
Baseándose na serie de tapices que forman a colección “La Conquista de Túnez”, do Palacio Real de Madrid, obra de Cornelisz Vermeyen (1500-1559), os artistas Lonnie van Brummelen e Siebren de Haan pretenden afondar en cuestións relacionadas coa historicidade dos formas e os procesos ideolóxicos de transmutación cultural. Utilizando os tapices como un documento histórico realizan unha videoproxección que presenta unha reflexión sobre como se interrelacionan política, xeografía, economía etc.
Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago
21/07/2010 – 30/09/2010
Gabriel Díaz
“Os camiños de Santiago no Camiño de Santiago” é un proxecto expositivo deseñado pola Fundación Arq Art de Madrid en colaboración co Museo das Peregrinacións e de Santiago coa intención de implicar aos distintos territorios relacionados coa ruta xacobea, non soamente a nivel estatal, senón tamén nunha dimensión europea. A pretensión inicial consistía en levar a cabo unha exposición simultánea que se podería exhibir nun total de 30 igrexas ou espazos vinculados coa peregrinación situados nos principais camiños xacobeos peninsulares.
Cristiáns puros de África
Peregrinacións
18/03/2010 – 04/07/2010
Luis Lopez "Gabú"
O proxecto “Cristiáns puros de África” está constituído por dúas exposicións simultáneas que levan por subtítulo: “Culto e Fe” na Casa da Parra e “Peregrinacións” nas salas de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Trátase pois dunha colaboración entre a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ambas dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.
A exposición recolle aspectos sorprendentes da cultura duns pobos que constitúen o único reduto de cristiáns que aínda se mantén na actual Etiopía e Eritrea e que non foron obxecto de conversión por parte dos sucesivos colonizadores que ocuparon estes territorios.
O home e as súas crenzas
17/11/2009 – 21/02/2010
Sabine Weiss
¿Cómo é posible que Sabine Weiss, que se declara non crente e mesmo atea, estea fascinada polas crenzas dos outros?
Porque a fascina todo o que concirne o home, o que cre, aquilo en que cre, o que espera e o que o desespera. A súa fotografía non cesa de lanzar interrogantes sobre o insondable no home. Un templo é un lugar privilexiado para moitos dos que tamén se cuestionan. Paradoxalmente, Sabine Weiss séntese tan próxima a eses que non pode aceptar para ela mesma esta resposta que lles dá a relixión. É nas cerimonias e na soidade da meditación onde cada un revive todo aquilo que experimenta na vida, onde se cristalizan todas as súas emocións.
Alfredo debuxa o Camiño
10/07/2009 – 28/10/2009
Alfredo González
Exposición antolóxica do debuxante Alfredo González que recolle as súas ilustracións e reflexións desde o ano 1991 sobre a súa experiencia no Camiño de Santiago.
A colección conta con 96 debuxos que o artista realizou a partir da súa experiencia como peregrino iniciada fai 18 anos e armado cunha sinxela cadeira pregada, cun caderno, lapis e rotuladores. A antoloxía foi completada paulatinamente e as últimas ilustracións correspondentes ao Camiño Francés, desde Saint Jean Pied de Port ata a Catedral de Santiago foron realizadas no mesmo 2009. As ilustracións sobre papel están acompañadas polas reflexións persoais do autor e dos seus compañeiros, que as foron anotando durante a súa experiencia como camiñantes, o que constitúe unha aproximación fresca e orixinal ao Camiño de Santiago.
Preguntas valentes
A ciencia, a gran peregrina
30/04/2009 – 21/06/2009
Colectiva (Comisariado, Goio Iturregui)
Exposición colectiva internacional. Sorprendentes imaxes das últimas investigacións acerca da biofísica da auga e a súa relación.
Ante nós o fascinante mundo da auga. As investigacións que lle presentamos son unha mesma peregrinación detrás das forzas da vida, xa sexa como ciencia ou como a manifestación dela en forma de arte na delicada harmonía da natureza.
Totsukawamura
Corazón do Camiño
26/09/08 – 31/01/09
Luis Alonso Ocaña
O Museo das Peregrinacións volve a render tributo ao Camiño Kumano, vía milenaria do Xapón, ó que o Museo xa dedicou unha exposición no ano1999.
“Totsukawamura. Corazón do camiño”, de Luís Alonso Ocaña plasma os monumentos e a impresionante paisaxe natural que protexe este Ben Patrimonio da Humanidade desde 2004.
Camiñar, Camiñamos...
09/07/2008 – 21/09/2008
Adolfo Enríquez
De entre os múltiples centros de peregrinación, serán os tres clásicos da cristiandade, Roma, Xerusalén e Santiago de Compostela, os que atraian maior número de persoas. Para o caso dos peregrinos, as propias penalidades de andar un duro camiño supuñan unha maneira de saldar débedas coa divindade ou de demostrar a boa vontade e a boa fe á hora de pedir axuda material ou espiritual unha vez acadada a meta.
Sri Pada
Pasos de peregrino, pegada de deuses
05/10/2007 – 27/01/2008
Jessica Agulló
A peregrinación a Sri Pada foi moi pouco fotografada por varias razóns: o camiño é moi dificultoso, non soamente por culpa da subida, senón tamén polos bruscos cambios de temperatura que se suceden, dende unha calor insoportable ata un frío extremo. Por outra banda na zona onde se sitúa o templo mesmo, os monxes nunca permiten a realización de fotografías pero, nesta exposición, móstranse algunhas imaxes realizadas con película moi rápida en branco e negro.
A viaxe
Novas peregrinacións
12/07/2007 – 16/09/2007
Gabriel Díaz, Sophie Whettnall, Ignacio Pérez Jofre
Exposición conxunta entre o Museo das Peregrinacións e o CGAC.
As cerimonias rituais de moitas prácticas artísticas contemporáneas supoñen unha especie moi particular de recreación do mundo. O obxectivo desta exposición non é tratar o feito da peregrinación dende o punto de vista relixioso como dende o punto de vista antropolóxico, e –derivado desa dimensión– artístico.
A través da exposición A viaxe: novas peregrinacións trátase de experimentar e recrear o mundo dende o punto de vista do mítico, dunha forma actual e con linguaxes contemporáneas que representan unha idea da peregrinación presente.
Mantendo vivas as frechas amarelas
16/03/2007 – 31/03/2007
Eduardo Almajano
A mostra expositiva está composta por unhas 60 fotografías a cor en formato panorámico que presentan unhas sorprendentes e inéditas imaxes da tan percorrida ruta do Camiño Francés, dende os Pireneos ata Compostela, chegando tamén a visitar o mar de Fisterra. As imaxes foron captadas por Eduardo Almajano ao longo da peregrinación que realizou no ano 2002 cunha duración de seis semanas. As instantáneas que presentamos mostran unha agudeza inusitada, que é difícil repetir, constituíndo un conxunto unitario e moi suxestivo sobre o propio Camiño de Santiago e as xentes coas que o fotógrafo se foi atopando no seu percorrido.
Sete miradas a unha realidade
Encontro de peregrinacións
13/12/2006 - 04/03/2007
Colectiva
Dende que no século I san Xoán Evanxelista escribiu o Apocalipse nunha pequena illa do oriente europeo, ata que no XX a Virxe María se apareceu no extremo occidental do continente, infinitas son as peregrinacións, no máis amplo sentido do termo, que foron salpicando mapas e enchendo páxinas. Son diversas, en orixe e en motivo, as aquí recollidas, pois mentres en Altötting e Czestochowa nacen ao redor de iconas milagrosas, ou en Lourdes e Fátima xorden a partir de relatos de aparicións, en Patmos, Loreto e Santiago desenvólvense por mor de acontecementos históricos ou lendarios.
Samos, Espírito do Camiño
29/09/2006 – 26/11/2006
Luis Alonso Ocaña
A difusión do patrimonio cultural galego, especialmente o relacionado cos Camiños de Santiago e coa propia cidade de Compostela, conforma un dos programas expositivos deseñados polo Museo das Peregrinacións. O propio trazado, os espazos naturais, os monumentos e os conxuntos que dispoñen dunha especial significación no que á peregrinación se refire, constitúen o obxecto deste programa no que se encadra a mostra que agora se presenta: «Samos, espírito do Camiño» con fotografías de Luís Alonso Ocaña. Conflúen aquí dúas grandes paixóns do autor. Unha delas puramente laboral e profesional, relacionada co tratamento, coa experimentación e coa reprodución da imaxe; a outra, máis vivencial, emotiva, persoal e afectiva, relacionada co seu amor por Samos e por todo o que representa: o monumento, a contorna, a paz, o silencio, a xente...
14+1 Estacións
Experiencias de con:tacto
17/03/2006 – 18/06/2006
Borny Svlastog
Artista norueguesa, de recoñecido prestixio no seu país, elixiu este centro para mostrar a súa obra en España. Unha selección de bordados e gravados monotipo serviranlle para reflexionar sobre o seu percorrido pola vida, facendo unha comparación entre as catorce estacións do Vía Crucis e a súa propia experiencia vital, profundamente marcada por Santiago de Compostela.
Kailasa
Unha peregrinación ó corazón do Tíbet
17/03/2006 – 18/06/2006
Christoph Linng (Fotografías) Susanne Schaber (Textos)
O monte chinés Kailash, coñecido tamén na antiga tradición hinduísta como Meru ou Sumeru, conta con 6.714 m de altitude e está situado no corazón do Tíbet na mesma cordal do Himalaya. Referímonos a unha das montañas máis sacras do mundo, pois é considerada como tal por budistas e hinduístas quen consideran que a kora –unha peregrinación de 52 quilómetros ao redor desta montaña– os redime dos seus pecados e fainos renacer como persoas novas. Para os hinduístas, o Kailash é o asento de Shiva, mentres que para os budistas representa o xigantesco mandala dos Dhyânibudas e Bodhisattvas (un ‘mandala’ constitúe unha representación gráfica da esfera pura na que habita Buda).
Ollada inglesa, corazón galego
Arthur Ginnings, colección fotográfica (1910 - 1950)
04/11/2005 – 26/02/2006
Arthur Ginnings
Con esta exposición dáse a coñecer unha colección privada inédita de 1.200 fotografías realizadas entre 1890 e 1950, e que pertenceron a Arthur Ginnings, misioneiro protestante británico, que viviu durante 40 anos na localidade de Ares, tentando difundir na zona a idea evanxélica. Esta colección constitúe un importante arquivo documental para o coñecemento da implantación e posterior evolución das comunidades evanxélicas en Galicia e ó mesmo tempo é un referente de interese desde o punto de vista etnográfico xa que contén interesantes imaxes inéditas de monumentos, espazos naturais e persoas, tanto de Galicia coma de España tomadas por fotógrafos afeccionados e anónimos.
Benarés
Onde a Vía Láctea se fixo Río
01/07/2005 – 16/10/2005
Luis Baylón
Benarés ou Varanasi é a cidade máis sagrada do Hinduísmo. Trimilenaria e situada ó Norte da India, no estado de Uttar Pradesh, está bañada polo río Ganxes. A sacralidade deste río nace xa desde a súa orixe, no Himalaia e por isto a través do seu longo percorrido (2.510 Km) atópanse numerosos santuarios, enclaves naturais e cidades que son así mesmo lugares de peregrinación.
A onde viaxan os deuses
Unha peregrinación ao Qoyllur Rit´i en Perú
15/04/2005 – 19/06/2005
Christoph Lingg (Fotografías) - Susanne Schabber (Textos)
“Onde viaxan os deuses…” aproxímanos á festa indíxena máis multitudinaria de América, unha das manifestacións máis profundas da relixiosidade andina na que milleiros de indios e mestizos procedentes de todo o Perú peregrinan, a través de abruptas paraxes, ata chegaren ó santuario do Señor do Qoyllur Rit’i
Diseño y encuadernación para el libro de un peregrino
II Concurso Internacional de diseño y encuadernación para un libro de peregrino
12/02/2005 – 27/03/2005
Con motivo da celebración do pasado Ano Santo, a Asociación para o Fomento da Encadernación de Libros de Arte (AFEDA), en colaboración co Museo Das Peregrinacións, convocou o primeiro Concurso Internacional de Encadernación e Deseño co obxectivo de deseña-lo libro máis axeitado para un peregrino actual.
Nesta exposición pódense contempla-las 49 encadernacións presentadas que combinan utilidade e deseño: libros en branco para anotar nas súas follas o acontecido en cada xornada, libros con texto xa impreso para ler durante o camiño, guías para orienta-lo peregrino no itinerario, libros de oración para o recollemento, en definitiva libros para múltiples funcións con deseños e montaxes singulares, útiles e valiosos.
De oca a oca...
polo Camiño de Santiago
22/10/2004 – 30/01/2005
Luisa Rubines
A fotógrafa novel Luisa Rubines, presenta un interesante proxecto no que se xuntan as súas experiencias coma artista e peregrina no Camiño de Santiago, coa súa investigación sobre un tema tan antigo coma pouco tratado: a relación entre o Camiño de Santiago e o Xogo da Oca. Con esta exposición preténdese dar cabida a tódalas visións sobre a experiencia peregrinatoria pois, detrás de calquera delas existe sempre un compoñente de reflexión, de sabedoría, que está a recoller unha maneira de sentir ou unha rica tradición non sempre correctamente comprendida.
A peregrinación de Santiago en Haití
01/07/2004 – 10/10/2004
Cristina García Rodero
O Museo das Peregrinacións acolle -dentro do programa expositivo "Peregrinacións no Mundo"- as fotografías que, sobre o culto a Santiago, o audaz obxectivo de Cristina García Rodero recolleu en Haití durante os últimos anos. Estas imaxes sorprendentes, cargadas dunha plasticidade asombrosa, móstrannos unha tradición que resulta estraña e incluso incomprensible ós ollos occidentais, pero tan rica en espiritualidade coma en contido cultural.
Na chegada
Emocións e rostros peregrinos
14/05/2004 – 13/06/2004
Jacobo Remuñán
Exposición de fotografías a través das cales se reflicten distintos momentos, expresións, "rituais" prácticos do camiñante, transportes, diversidade étnica e cultural que ofrecen os peregrinos que chegan por fin a Santiago de Compostela. Esta selección de retratos mostra con evidente forza emocional, sentimentos, emocións e accións que son comúns á inmensa maioría dos que, despois de percorre-lo Camiño de Santiago, chegan non só a unha cidade emblemática e ansiada senón a un punto concreto, a Praza do Obradoiro, que representa a verdadeira chegada, o primeiro encontro auténtico coa cidade e a meta tan longamente cobizada.
Lugares e vías de peregrinación
Sacro Montes piemonteses e lombardos
01/04/2004 – 01/05/2004
Esta exposición, deseñada coma unha mostra itinerante, poderase contemplar nas salas do Museo das Peregrinacións, e posteriormente percorrerá os diferentes centros de peregrinación Piemonteses, nas proximidades de Turín. Consta de paneis fotográficos e información textual alusivos ós Sacro Montes que se estenden pola rexión do Piemonte e a parte occidental da Toscana, e está organizada polo Museo das Peregrinacións e o Centro di Documentazione di Crea, dependente da Administración Rexional do Piemonte.
De Fisterra a Xerusalén
Exeria e os primeiros peregrinos cristiáns
01/07/2003 – 15/09/2003
Esta exposición, organizada e producida polo propio museo, persegue un dobre obxectivo. En primeiro lugar, ofrecer unha ampla visión da peregrinación ós Santos Lugares do Oriente Próximo na antigüidade tardía, antes da toma de Xerusalén no século VII polos turcos e logo polos árabes.
En segundo lugar, destacar a extraordinaria figura de Exeria, a monxa galega que no século IV realiza esta peregrinación e nos deixa un relato escrito que, ademais de outorgarlle a consideración de primeira escritora hispana en lingua latina, ofrece unha valiosísima información sobre a sociedade e a liturxia do momento que influirían decisivamente no desenvolvemento cultural de todo o Occidente.
1935-1936 Compostela
Berros, oficios, servicios, cerimonias e sucedidos
22/11/2002 – 09/02/2003
Francisco Vázquez Díaz
O corpo principal da exposición constitúeo a colección de 26 debuxos en pequeno formato, realizados entre 1935 e 1936 que recollen escenas e personaxes típicos da súa cidade natal neses anos. Esta exposición supón unha oportunidade para dar a coñecer unha parte inédita da obra dun artista máis coñecido pola produción escultórica e do que a penas se empezan a atopar debuxos sobre papel.
Supón tamén unha oportunidade para mostrar á cidade parte da súa memoria que cómpre rescatar e que ainda permanece viva entre os composteláns de maior idade. Este labor de rescate e restauración da memoria do seu entorno máis inmediato é unha tarefa que deben de asumir os museos no seu trato diario co público.
Luz de Oriente
29/10/2002 – 01/12/2002
Colaboran: Embaixada de Polonia en Madrid, Catedral de Santiago, Galería Slowianska, Instituto Mickiewicz
Esta exposición, inscrita dentro dos actos de celebración do Ano de Polonia en España, presenta unha excepcional selección de iconas tanto antigas, dos séculos XV ó XIX procedentes da rexión dos Cárpatos, coma contemporáneas do artista Jerzy Nowosielski. O encontro coa icona no seu aspecto sacro é a principal idea desta mostra, que supón unha oportunidade única de contemplar unha manifestación artística singular das rexións do Oriente Europeo e da que non é fácil gozar no noso país.
Peregrinación á Xerusalén negra
12/07/2002 – 13/10/2002
Fernando Moleres
Fernando Moleres (Bilbao, 1963). Comeza a súa traxectoria profesional nos anos 90. Dende entón non deixou de viaxar e fotografar medio mundo facendo fincapé nos máis desfavorecidos. O seu magnifico proxecto "Children at work" valeulle para alcanza-lo recoñecemento internacional nos principais medios e institucións relacionados coa arte da fotografía. Sen embargo o seu campo temático non se limita ó mundo infantil, na exposición que a partir o 12 de xullo presenta o Museo das Peregrinacións -dentro do programa expositivo "Peregrinacións no Mundo" no que este museo leva a traballar dende hai anos- teremos ocasión de gozar dun dos seus mellores traballos: "Peregrinación á Xerusalén negra". Trátase dun fermoso documento fotográfico no que se narra a peregrinación a Lalibela, unha pequena localidade perdida no corazón de Etiopía na que se reproduce a cidade de Xerusalén escavada na roca e á que cada ano acoden cerca de 50.000 cristiáns ortodoxos para celebrar o Nadal, a Epifanía e a Pascua.
Ultreia
O Camiño de Santiago
15/05/2002 – 16/06/2002
José Antonio Robés
Despois de máis de mil anos de existencia do Camiño de Santiago, podemos dicir sen medo de nos equivocar que vive unha nova idade de ouro. Motivos relixiosos, culturais, artísticos, turísticos e ata deportivos, moi distintos ós que moveron ós camiñantes do medievo rescatan a rota xacobea do ostracismo.
Un museo en Crecemento
Adquisicións, 1996-2001
17/12/2001 – 05/05/2002
A exposición amosa un conxunto seleccionado dos fondos que foron ingresando nas coleccións do museo dende o ano 1996 ate o ano 2001.
Viaxe ao país das almas
20/07/2001 – 30/09/2001
Jordi Esteva
Dentro do programa expositivo"Peregrinaciones en el Mundo" que o Museo Das Peregrinacións vén realizando desde o ano 1999, preséntase a exposición fotográfica: "Viaxe ó país das almas", obra do fotógrafo, escritor e periodista Jordi Esteva (Barcelona, 1951).
Pilgrimage to Santiago
08/05/2001 – 08/07/2001
Zhang Huan, colaboración Cotten Gallery
O Museo das Peregrinacións exporá nas súas salas, instalacións, obra fotográfica e vídeos dos performances do artista chinés, Zhang Huan.
Il mio canto libero
27/11/2000 – 21/01/2001
Mario Giacomelli
O seu estilo, persoal e único, levouno a ser considerado coma un dos grandes fotógrafos do S. XX. A través duns violentos contrastes entre uns negros profundos coma feridas e uns brancos queimados ata o inverosímil (corrixidos no proceso de positivado) Giacomelli consegue introducir ó espectador no que denomina os seus soños.
Grabarka. O Monte das 6.000 cruces
Unha peregrinación ortodoxa en Polonia
21/07/2000 – 30/09/2000
Cristina García Rodero
Grabarka é o centro de peregrinación máis importante da Igrexa Ortodoxa Autocéfala Polaca.
Arunachala Pradakshina
La montaña de la sabiduría
18/05/2000 – 09/07/2000
Ditmar Bollaert
Desde tempos remotos milleiros de hinduístas diríxense cara Arunachala, a "Montaña Vermella", no sur da India, e rodéana en procura da verdade e da sabedoría.
Peregrinacións no Mundo Xudeu
28/09/1999 – 12/11/1999
Micha Bar-Am, Shlomo Taitz, Jonathan Torgovnik, Alex Levac, Kobi Kalmanovitch
A peregrinación no xudaísmo está íntimamente ligada ó Templo de Xerusalén e ós Santos Lugares.
Kumbha Mela
Pasos cara a inmortalidade
14/07/1999 – 05/09/1999
Shimon Lev
Cara á cidade de Prayag, diríxense cada doce anos millóns de peregrinos hinduístas para purificarse cun baño nestas augas, nunha das cidades indias onde conta a tradición que caeu unha das gotas do néctar da Inmortalidade.
O Camiño de Kumano
A natureza divinizada
21/05/1999 – 04/07/1999
Fotografías doadas polo Goberno de Wakayama (Xapón)
Kumano é a terra dos deuses sintoístas, e a súa presencia exténdese por todo un territorio de bosques e montañas que fixeron deste lugar un importante centro de peregrinación desde o século IX antes de Cristo.
Ajmer
Peregrinos do sufismo
09/04/1999 – 09/05/1999
Nacho Castellano
Con motivo do aniversario da morte do santo sufí Khwaja Mo’inudin Chisti, precursor do Islam na India, máis de 150.000 fieis reúnense en Ajmer, cidade santa para 90 millóns de musulmáns na India. Este acto é testemuña anual da maior peregrinación musulmana en devandito subcontinente.