Languages

Inicio
Cultura Xunta

José Guitián

Fotógrafo en Compostela, 1950-1980

07/11/2015 - 28/02/2016

José Guitián

“Cheguei á fotografía na cidade de Santiago por casualidade, debido a que a Guerra Civil impediu que puidese estudar na Universidade, como querían os meus pais, pero agora non me imaxino tendo sido outra cousa: poñerse detrás da cámara, mirar polo obxectivo e disparar unha foto é un acto de relación coa máquina, pero sobre todo é sempre un acto individual de creación e debe de acabar nun acto de comunicación, de cultura”.

Así entende o fotógrafo José Guitián Seijo, nacido en Cuba en 1925, a profesión que centrou a súa vida, unha vida marcada, ademais de pola fotografía, por outras dúas grandes paixóns: a cidade de Santiago de Compostela e unha inquietude social e cultural sen límites. Son tres paixóns que continúan no presente.

Guitián é un dos composteláns que máis e mellor sentiu latexar a vida compostelá. Viuna pasar cada día ante o obxectivo da súa cámara durante máis de catro décadas, desde finais dos anos corenta ata a súa xubilación en 1989

Tras vivir os seus primeiros anos en Cuba, a onde emigraran os seus pais, a familia instálase en Compostela en 1936, cidade onde pouco despois aprende a profesión de fotógrafo, da que se namora, ao mesmo tempo que o fai da cidade, que converterá no gran obxectivo do seu traballo e da súa vida. Formado con fotógrafos locais da talla de Ksado e Almeida, a primeiros dos anos cincuenta comeza a traballar de xeito autónomo montando o estudio Foto Guitián, que lograría gran sona. Especializado no retrato e a fotografía científica, dedica tamén tempo a deixar en imaxes a cidade mesma -aí está a súa famosa serie de nocturnos-, as súas xentes e os seus costumes. Pola súa cámara pasa, xa que logo, a evolución urbana e humana compostelá da segunda metade do século XX.

A exposición José Guitián. Fotógrafo en Compostela 1950-1980, responde polo tanto, a estas premisas. O Museo das Peregrinacións e de Santiago realiza con ela un acto de xustiza coa obra de Guitián, en gran parte recuperada grazas a esta mostra, e coa propia cidade de Santiago, que non podía permitirse o luxo de deixar sen positivar para o presente e o futuro unha crónica en imaxes de semellante proporción.