Languages

Inicio
Cultura Xunta

Por iniciativa conxunta das administracións central e local créase, a finais de 1951, un museo destinado a cubrir unha forte demanda social: a de ofrecer unha visión do nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela e en especial do fenómeno da peregrinación, en canto xerador da urbe. Créase deste modo unha institución denominada Museo de Santiago e das Peregrinacións en referencia ao dobre contido temático do que se dota. Desempeña as responsabilidades técnicas e directivas D. Manuel Chamoso Lamas, artífice e principal alentador do proxecto.

A necesidade de contar en Santiago de Compostela cun museo complementario dos valores monumentais e urbanísticos da propia cidade, catalogando, conservando e difundindo o rico e disperso patrimonio moble existente, remóntase a mediados do século XIX e vai fundamentalmente da man da Real Sociedade Económica de Amigos do País, fundada en Santiago en 1784. A Exposición Rexional Galega de 1858, e sobre todo a de 1909, que contan coa iniciativa e o inestimable apoio da citada asociación, fomentan e alentan esta necesidade.

Así pois, en 1951 ponse en marcha o nacente museo. Nese ano adquire o Concello o inmoble, coñecido como Casa Gótica e comezan as obras para o seu acondicionamento, investíndose na súa rehabilitación fondos procedentes na súa maioría dos orzamentos da Dirección Xeral de Belas Artes e apróbanse os estatutos polos que se rexería.

A duración das obras fai que cunda o desánimo na Corporación Municipal que, a partir de 1957, decántase máis partidaria de apoiar outro proxecto museístico abordando a montaxe do Museo Municipal. Despois duns anos de incerteza, decídese ceder o edificio adquirido á administración central para que a Dirección Xeral de Belas Artes se faga cargo en solitario do Museo das Peregrinacións. Este proceso de cambio de titularidade culminaría en 1963.

En 1965, para conmemorar o Ano Santo, ten lugar a denominada Exposición Inaugural, na que se reuniu unha interesante colección de obras relacionadas co culto xacobeo provenientes na súa maior parte de centros eclesiásticos da arquidiocese compostelá, con achegas tamén doutras institucións e de coleccións privadas. Rematada esta, as pezas devólvense e o museo péchase ó publico.
 

imaxes da Exposición inaugural de 1965

Exposición inaugural de 1965

De novo coa celebración do Ano Santo de 1976, e despois dunhas obras de ampliación do edificio orixinal, ten lugar unha nova exposición que pretende ser un ensaio da montaxe definitiva. Unha vez máis, clausurada esta, o museo volve pechar as súas portas.

 

A xestión do Museo transfírese á Xunta de Galicia en 1995, abrindo por fin as súas portas ao público dunha forma definitiva, en febreiro de 1996, logo de 45 anos dunha situación bastante anómala.

imaxes da Inauguración definitiva do museo no ano 1996

Inauguración definitiva do museo no ano 1996

A partir dese momento, e coa denominación xa tradicional de “Museo das Peregrinacións”, procuraría a organización interna da institución e a súa difusión, tanto nun ámbito local coma autonómico, estatal e internacional. O deseño e posta en funcionamento de diversos programas de exposición, liñas de publicacións e outras actividades, posibilitarían o achegamento da institución á sociedade.

A necesidade de cumprir mellor cos seu cometido leva aparellada dunha banda a dotación dun instrumento legal que o regule (RD 1293/2007, de 28 de setembro, polo que se regula o Museo das Peregrinacións e de Santiago. BOE Núm. 252 do 20 de outubro), que lle outorga a nova denominación de Museo das Peregrinacións e de Santiago ao tempo que o constitúe como museo nacional, centro de documentación, investigación e interpretación de Santiago e das peregrinacións.

Doutra banda, coa elaboración do Plan Museolóxico fóronse definindo os principios a seguir con vistas ao futuro. Froito desta planificación son os distintos programas e proxectos elaborados nos últimos anos e que se materializaron na apertura da nova sede do museo na Praza das Praterías en novembro de 2015.