Languages

Inicio
Cultura Xunta
23/10/2014

O Embaixador de Xapón en España visita o MDPS

O embaixador de Xapón en España, Kazuhiko Koshikawa, durante a súa viaxe oficial a Galicia, realizou unha visita ao Museo das Peregrinacións e de Santiago acompañado da súa esposa e do seu primeiro secretario.

Nesta visita de máis de unha hora na que amosou un grande interese polo museo, chamaron a súa atención aspectos tan variados como a construción da catedral, a lenda da Traslatio, o achado dos restos do Apóstolo, a simboloxía e utilización da cuncha, o traballo en acibeche e a iconografía de Santiago. Así mesmo, percorreron de vagar a exposición temporal das iconas rusas, asombrados polos detalles da súa execución e temática.

A relación do MDPS con Xapón remóntase a 1999, ano no que o museo acolleu unha exposición temporal sobre o Camiño de Kumano, quizais a ruta de peregrinación máis importante dese país e cun grande paralelismo histórico co Camiño de Santiago, froito do cal as dúas cidades están irmandadas. Nesa data xa visitara o museo o por entón embaixador do Xapón e ao longo destes anos mantívose a relación con diferentes cargos políticos, turísticos e económicos da Prefectura Gobernamental de Wakayama. Neste ano en maio unha representación da Prefectura Gobernamental de Kagawa visitou o museo a fin de coñecelo e poder establecer contactos coa intención de levar a cabo un intercambio cultural en relación co fenómeno da peregrinación. Esta constante e estreita colaboración é a que suscitou o interese do actual embaixador do país nipón polo coñecemento deste centro.

fecha_interna: 
xoves, October 23, 2014