Languages

Inicio
Cultura Xunta
12/04/2017

Pescuda no traballo interno do MDPS

Conseguímolo! Rematouse o inventariado do conxunto arqueolóxico de Iria Flavia. Nada máis e nada menos que 9540 fragmentos. Este fondo reúne unha gran variedade de tipoloxías e materiais, fundamentalmente de época romana, aínda que tamén son destacables as pezas de época medieval e contemporánea.

Diversas imáxes de pezas procedentes das excavacións de Iria Flavi

O Museo das Peregrinacións comeza a ser depositario dos materiais de Iria Flavia (Padrón, A Coruña) a partir dos primeiros traballos levados a cabo por Chamoso Lamas en 1962 (nº de inventario 719), como comisario da Primera zona de defensa del Patrimonio Artístico Nacional, situada nesta mesma institución, no edificio da rúa de san Miguel, 4. As investigacións no terreo iriense continúan da súa man na década dos 70 e 80, dotando ao Museo dos primeiros conxuntos de material documentados (nº de inventario 726, D-127 e D-229).

A partir dos anos 90, e coa transferencia de competencias en materia de arqueoloxía á Comunidade Autónoma, o Museo das Peregrinacións convértese en centro receptor da zona de Santiago e comarca. A partir de entonces é a arqueoloxía de urxencia a que fornece a meirande parte do material con 13 ingresos diferenciados no tempo, destacando as intervencións D-128, dirixida por Suárez Otero en 1992, e a D-184, dirixida por Álvarez González e López González entre 1993 - 1994. Esta última proporcionou mais de 6000 fragmentos inventariados, algúns deles de gran consideración. Malia isto, a proporción de terreo escavado da antiga Iria Flavia é aínda moi reducida.

O conxunto de material recollido durante todo este tempo consta dun total de 9540 pezas inventariadas e reúne unha gran variedade de tipoloxías e materiais de época romana. En cerámica destacan as pezas de Terra Sigillata, as cerámicas de paredes finas e o reducido conxunto de lucernas. A cerámica común ten unha gran presenza, tanto nas formas de cerámica común fina como nas producións mais groseiras. Os fragmentos de grandes contedores de líquidos, ánforas, forman tamén un grupo considerable. Pero non todo é arxila, Iria Flavia proporciona tamén unha pequena colección numismática, así como vidros, metais e líticos. Os seus fragmentos ofrecen unha valiosa información para o estudo da vida cotiá e das actividades lúdico produtivas da sociedade galaico – romana. A pesar da gran importancia que supón o estudo de Iria Flavia para a antigüidade, non nos podemos esquecer do aporte que supoñen as pezas medievais e contemporáneas proporcionadas durante as escavacións arqueolóxicas.

Debido á significación deste xacemento recibimos a visita de numerosos investigadores que inclúen estudos sobre estes materiais nas súas investigacións científicas, non podemos esquecer que os museos durante moitos anos, foron os principais impulsores e artífices da investigación arqueolóxica desenvolvida en Galicia, ao tempo que custodiaban e conservaban os achádegos froito destas intervencións.