Languages

Inicio
Cultura Xunta
27/06/2018

PESCUDA NO TRABALLO INTERNO DO MDPS

Un dos labores máis importantes dentro dunha institución museística é o da conservación dos bens culturais que alberga e, a pesares que de que é un traballo cotiá, hai veces que require dunha atención especial. É o caso das táboas con nº inv. 1958 e 1959, que viaxaron ata Lugo para someterse a probas de raios X.

Durante o mes de xuño de 2018, comezáronse os labores de restauración das táboas 1958 e 1959. Ambas as dúas realizadas coa técnica de óleo sobre táboa e que teñen gran relevancia para Santiago pola súa vinculación coa temática xacobea. A táboa 1958 representa a fuxida de Teodoro e Atanasio no episodio da rotura da ponte sobre o río Tambre; mentres que a táboa 1959 representa unha das últimas escenas do ciclo da traslación do corpo de Santiago: a raíña Lupa intenta enganar a Atanasio e Teodoro no episodio do Pico Sacro, onde os enviara na procura duns bois. Estes resultaran ser touros bravos, pero milagrosamente amansan. Este conxunto probablemente formara parte dun retablo do tramo aragonés do Camiño de Santiago.

Antes de calquera intervención de restauración sobre un obxecto é necesaria unha serie de estudos previos para coñecer con profundidade o seu estado de conservación. Para o caso que nos ocupa, estaríamos na fase de análise, e dentro dos diferentes métodos existentes, estáselle a aplicar un exame global non destrutivo para ver todos aqueles aspectos que no campo da visión resultan imperceptibles para o ollo do restaurador.
E... estarédesvos preguntando como os raios X poden ser útiles en restauración. Pois ben, a aplicación desta metodoloxía é variada. En pintura pode informar do estado da capa da pintura, a súa forma de execución ou posibles superposicións. En obxectos de volume permite ver os diversos estratos que o forman, as consecuencias dos ataques de patóxenos externos, o estado de conservación dos materiais ou posibles engadidos.

Os raios X son unha boa técnica non destrutiva para as nosas táboas. A madeira orixinal practicamente non se podía ver, debido a que, en algún momento, se lle engadiron táboas e listóns para reforzala, tanto por detrás como polos lados. Para o seu correcto tratamento, seguramente é necesario retiralas, pero para que as actuacións vaian polo bo camiño e non se atopen sorpresas (se hai cravos interiores, se a madeira antiga está en moi mal estado polo ataque dos xilófagos, etc.) hai que realizarlles esta serie de probas para que o restaurador non traballe a cegas.

Así, as nosas táboas viaxaron ata o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina da Facultade de Veterinaria de Lugo, que ofrece as instalacións de radioloxía para este tipo de imaxes de obxectos do patrimonio cultural. A empresa TAU vai realizar o tratamento de restauración; son eles quen nos envían as fotos do proceso.