Languages

Inicio
Cultura Xunta

CASA GÓTICA

Na actualidade, o edificio que alberga a sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago é o resultado da suma de diversas construcións que constitúen un conxunto heteroxéneo de difícil lectura.

A construción inicial, levantada cara mediados do século XIV, é a denominada frecuentemente "Casa Gótica", que se viu modificada e ampliada ao longo dos séculos. Constituíu a sede principal do maiorado instituído por Roi Martínez de Carballido a mediados do XVI e foi residencia de importantes persoeiros da vida social da cidade É salientable a actuación feita a mediados do século XVIII polo arquitecto Lucas Ferro Caaveiro da que se conserva a escaleira con balaustrada de pedra imitada en madeira nos andares superiores, unha lareira, e a estrutura de boa parte do inmoble. As remodelacións levadas a cabo entre os anos 50, 60 e mediados dos 70 do século XX configuraron os espazos e volumes definitivos da edificación actual.

imaxes da fachada da Casa Gótica de 1912 e 1976

Recibe o nome de “casa Gótica” por ser unha das poucas construcións do gótico civil conservadas na cidade. Desa época persiste un corpo cun torreón edificado en robusta cantería de granito con abundantes signos lapidarios (marcas de canteiro), Relaciónase tradicionalmente, aínda que sen ningún tipo de fundamento, coa residencia de D. Pedro I o Cruel ou con D. Fernando de Castro, Pertegueiro Maior de Santiago nesa mesma época.

imaxe actual da fachada e escaleiras interiores da Casa Gótica

A situación do inmoble na parte preponderante da cidade fai presupoñer a súa importancia precisamente nos momentos finais da Idade Media.

A fachada, con alteracións, presenta unha disposición que parece responder á que ofreceu nun determinado momento de vida do edificio. Conserva importantes elementos orixinais coma os canzorros que sosteñen o beiril, as fiestras, unha curiosa gárgola, etc.

SEDE DAS PRATERÍAS

A falta de espazo na sede histórica do museo levou ás distintas administracións implicadas na titularidade e xestión do centro museístico a unírense na procura dun inmoble para a levar a cabo a ampliación. A colaboración do Consorcio de Santiago fixo posible a xestión da cesión do inmoble destinado ata o ano 2004 a sede do Banco de España na cidade.

Trátase dun inmoble proxectado polo arquitecto Romualdo de Madariaga, xerado e construído con gran polémica nun lugar singular, próximo a entrada das Praterías da catedral compostelá. Sería inaugurado en 1949.

A remodelación do inmoble para a súa adaptación ás necesidades museísticas específicas será obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, desenvolvéndose as obras entre 2009 e 2012 por conta do Consorcio de Santiago

imaxe da fachada da Sede das Praterías