Languages

Inicio
Cultura Xunta

SALA II. ORIXES DO CULTO XACOBEO

A TRANSLACIÓN DO CORPO DE SANTIAGO

O discurso deste espazo expositivo céntrase en abordar os momentos iniciais do culto ás reliquias de Santiago O Maior a partir de obxectos e documentos que tratan de achegar luz á difusa orixe da tradición xacobea.

Diversas fontes documentais como o Breviario de los Apóstoles de finais do s. VI e Comentarios al Apocalipsis, atribuído ao Beato de Liébana, contribúen a afianzar e difundir determinados episodios da súa vida, motivando a aparición de numerosas crenzas que satisfán a devoción popular. Xérase, así, a lenda xacobea, que dá conta do extraordinario periplo da translación dos seus restos, das dificultades do seu enterramento e do seu milagroso descubrimento posterior.

Diversos lugares das proximidades de Compostela gardan unha relación moi estreita con estes acontecementos converténdose, de tal modo, en relevantes e significativos testemuños territoriais dentro desta tradición: Iria Flavia, a desembocadura do río Ulla, o Pico Sacro, o Castro Lupario e a igrexa de Santiago de Padrón, representados nesta sala a través de ilustrativas fotografías.

Así mesmo, varios libros dos séculos XVII e XVIII póñennos ao tanto dos cuestionamentos xurdidos en torno a temas tan delicados como o da veracidade da súa misión evanxelizadora. Esta controversia produciu a aparición de obras literarias como as aquí expostas que saen en defensa da súa “venida y predicación”, convertidas en auténticos panexíricos do Apóstolo e testemuño dos seus innumerables milagres e aparicións.

Descarga dos programas de la sala II:

GALEGO

ESPAÑOL

ENGLISH

ITALIANO

FRANÇAIS

DEUTSCH