Languages

Inicio
Cultura Xunta

SALA VII. ICONOGRAFÍA DE SANTIAGO

A IMAXE DE SANTIAGO NA HISTORIA

Pezas escultóricas, maioritariamente, e pictóricas aparecen nesta sala como testemuño da rica iconografía que presenta Santiago o Maior dende a Idade Media, unha das máis fértiles da imaxinaría cristiá. A ampla expansión do seu culto por toda a xeografía europea e americana, deu lugar a que a súa imaxe non só adoptase diferentes actitudes segundo as necesidades devocionais e políticas de cada momento, senón tamén a que fose reflectindo a diversidade de usos e modas na roupaxe segundo as épocas e as zonas xeográficas onde estas obras de arte se elaborasen. Unhas veces preséntasenos, polo tanto, identificado cos atributos comúns aos demais apóstolos (túnica e manto, libro sagrado, pés descalzos e unha filacteria ou rótulo) ou en maxestade (sedente ou in cátedra), e noutras como peregrino, ataviado coa súa característica indumentaria, se ben é frecuente tamén velo representado como cabaleiro ou soldado de Cristo -miles Christi-, intercedendo polas tropas cristiás fronte aos musulmáns. Esta imaxe guerreira de Santiago vaise transformando co paso do tempo segundo van mudando as causas a defender. Así, van aparecendo representacións como a de Santiago Matamouros, a de Santiago "mataindios" a partir do s. XVI e a conquista do Novo Mundo, e mesmo a de Santiago "mataespañois", como o exemplifica unha peza de prata realizada en Cuzco (Perú) que se expón nesta sala, unha imaxe xurdida no s. XIX como consecuencia das aspiracións independentistas das colonias americanas.

Descarga dos programas de la sala VII:

GALEGO

ESPAÑOL

ENGLISH

ITALIANO

FRANÇAIS

DEUTSCH