Languages

Inicio
Cultura Xunta

Viaxe ao país das almas

20/07/2001 – 30/09/2001

Jordi Esteva

Dentro do programa expositivo"Peregrinaciones en el Mundo" que o Museo Das Peregrinacións vén realizando desde o ano 1999, preséntase a exposición fotográfica: "Viaxe ó país das almas", obra do fotógrafo, escritor e periodista Jordi Esteva (Barcelona, 1951).

Trátase de facer un percorrido polo animismo, nunha época na que o Islam e o Cristianismo avanzan espectacularmente en África en detrimento das relixións africanas. En países coma Benin, Togo e a Costa de Marfín algunhas comunidades tentan manter vivo o culto ós ancestros e ós espíritos. O animismo, debido ós prexuízos coloniais primeiro e na actualidade ós dos propios africanos, sobre todo os urbanos, é visto coma un atraso e un lastre para o desenvolvemento. De modo que se está a volve-la espalda a unha espiritualidade e a unha riqueza cultural considerables que irremisiblemente se perderán, anque tal é a súa forza, que Islam e Cristianismo sincretizan moitas concepcións animistas. Ser animista en África hoxe é tamén unha actitude política, un acto de resistencia.

O traballo de Esteve, fuxe dos tópicos eurocentristas, a miúdo simplificadores e despectivos, tanto coma da mitificación do "bo salvaxe", así coma dese ton meramente informativo, sensacionalista ou esteticista que adoita acompañar a case tódalas imaxes que nos chegan desde a África negra. Esteve móstranos unas imaxes exentas de pretensións estéticas ó uso e sorpréndenos cunha beleza que emana da autenticidade dun Mundo real, cheo de intensidade e maxia, ó que non estamos afeitos. As súas fotos sobre os ritos de iniciación, de escenas de trance, etc., van directamente á esencia... á alma e nelas fálasenos de persoas que responden á chamada das augas, ou dos claros do bosque para atopa-lo sagrado. Fálanos tamén dunhas formas que a modernidade ten atrofiadas, que escapan á lóxica e prodúcense máis alá da razón, que se revelan nos soños e na experiencia en trance e que en estado de vixilia son imposibles de alcanzar.