NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

ULTREIA

-
José Antonio Robés

O Camiño de Santiago

Despois de máis de mil anos de existencia do Camiño de Santiago, podemos dicir sen medo de nos equivocar que vive unha nova idade de ouro. Motivos relixiosos, culturais, artísticos, turísticos e ata deportivos, moi distintos ós que moveron ós camiñantes do medievo rescatan a rota xacobea do ostracismo.

Ó longo de todo ese tempo os símbolos que identificaban ós antigos peregrinos foron, loxicamente, cambiando. Atrás ían quedando a coñecida capa con esclavina e o bordón no que os hospitaleiros realizaban unha marca para saber cantos días levaba cada transeúnte no refuxio ou as cabazas que facían as veces de cantimplora. A cambio, trouxéronnos outros símbolos (mochilas, bermudas, modernos bastóns de montaña...) aínda que non sexan especificamente característicos do peregrino, sérvennos para identificalo. Outros coma a vieira perduran, manténdose coma elemento que constata a súa estancia na cidade do Apóstolo.

Sen embargo hai un espírito común que permanece intacto co paso dos séculos e é ese requirimento que o Camiño impón a todo aquel que o emprende, é dicir a esixencia de renova-lo esforzo en cada etapa para chegar á cobizada meta. É precisamente, ese esforzo o que se retrata nesta exposición de fotografías de José Antonio Robés que con excepcional sensibilidade e eficacia soubo plasma-la historia deste lendario Camiño e os seus camiñantes e os novos símbolos que hoxe identifican a rota xacobea.