Novo centro de interese na biblioteca. Os ephemera nas exposicións temporais do museo

Wednesday, 21 de August de 2024

Sabes que é un ephemera?

Esta palabra é de orixe grega (ephémeros) e provén dun plural neutro en latín. Aplícase a todo o que dura un breve período de tempo (efémero), e en documentación comezou a utilizarse no mundo anglosaxón, e se estendeu logo ao resto dos países, referido a impresos que se realizan en relación a un acontecemento, artigo ou entidade determinado, cun uso curto e que logo se desbotan.

Exemplos son materiais tan distintos como as felicitacións, recordatorios de comuñón e defunción, invitacións a actos, folletos propagandísticos e informativos, cromos, etiquetas, recortables, tarxetas postais, calendarios...

Estes impresos conforman un mundo atractivo e descoñecido para a maioría, pero aportan información interesantísima para moitas investigacións e teñen un grande valor histórico, polo que é importante a súa recolección e conservación. Ademais, reflicten distintos estilos e correntes artísticas e moitos deles son exemplos salientables das artes gráficas da súa época.

No museo estes ephemera están representados principalmente polos folletos informativos e as invitacións das exposicións temporais. Na biblioteca recopilamos estes anacos de papeis cos que se pode coñecer a programación expositiva do museo desde as súas orixes.

Como complemento á exposición actual Verba volant, picta manent, presentamos o novo centro de interese na biblioteca: Os efhemera nas exposicións temporais do museo. Outro xeito de seguir as pegadas da nosa programación expositiva.