NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Verba volant picta manent

-
Museo das Peregrinacións e de Santiago

Esta é unha conmemoración dunha traxectoria de 25 anos. En 1999, este centro iniciou a súa programación expositiva. Dende ese ano xacobeo, tras 80 mostras e grazas ás doazóns dos propios autores, a colección foise acrecentando cun total de 767 obras ata conformar un patrimonio que esta institución, como museo público que é, conserva e exhibe. Esta mostra ofrece a oportunidade de facer un percorrido dun cuarto de século a través dunha selección das obras procedentes das mostras temporais e organízase atendendo aos diferentes programas expositivos que o centro foi configurando. Porque as exposicións son efémeras (volant), pero os fondos permanecen (manent).

A exposición é a linguaxe que caracteriza o museo. É o principal medio de transmisión da súa mensaxe científica e tamén o mellor xeito de comunicar os valores do propio centro.

No ano 1999 iniciouse a nosa programación expositiva. Coincidindo coa celebración do Xacobeo 99, para colaborar dun xeito activo na oferta cultural da cidade, elaborouse o primeiro programa: «Peregrinacións no mundo». Este anhelou dende o inicio complementar a exposición permanente, contribuír á potenciación de valores como o respecto e a tolerancia interracial e intercultural, e contar cun  alto valor documental combinando aspectos novidosos e inéditos.

A primeira exposición,  «Ajmer. Peregrinos do sufismo», ideouse para afondar no tema que abría (e aínda abre) a exposición permanente deste centro: achegarnos a peregrinacións diferentes da xacobea e testimoniar que son acontecementos universais. A través de máis de 20 exposicións, ilustrouse sobre a importancia que o devandito fenómeno reviste nas variadas relixións, xentes e lugares do mundo, e realizouse indo da man de grandes profesionais da fotografía, como Cristina García Rodero, Luis Baylón ou Fernando Moleres. Os seus obxectivos permitíronos participar no Kumbha Mela (A India), viaxar ata Lalibela (Etiopía) ou coñecer o Señor do Qoyllur Rit’i (O Perú). 

«As outras peregrinacións» nace no 2001 como un programa que promove proxectos e expresións artísticas actuais que se aproximan ao impulso e ao proceso da peregrinación contemplando aspectos internos ou conceptuais, mais non necesariamente ligados ao sentir relixioso tradicional. A norueguesa Borgny Svalastog, o chinés Zhang Huan e o galego Manuel Valcácel “Piro” fixéronos partícipes das súas particulares marchas.

«Patrimonio e Camiño» é un programa expositivo que persegue dar a coñecer o patrimonio cultural galego, especialmente o relacionado co Camiño de Santiago e a súa meta: Compostela. Debido a isto, un gran número de mostras teñen como protagonista a ruta xacobea, presente na exposición permanente, pero achéganse innovadores contidos e novas perspectivas.