NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Historia

Historia

Por iniciativa conxunta das administracións central e local créase, a finais de 1951, un museo destinado a cubrir unha forte demanda social: a de ofrecer unha visión do nacemento e evolución da cidade de Santiago de Compostela e en especial do fenómeno da peregrinación, en canto xerador da urbe. Créase deste modo unha institución denominada Museo de Santiago e das Peregrinacións en referencia ao dobre contido temático do que se dota. Desempeña as responsabilidades técnicas e directivas D. Manuel Chamoso Lamas, artífice e principal alentador do proxecto.

A necesidade de contar en Santiago de Compostela cun museo complementario dos valores monumentais e urbanísticos da propia cidade, catalogando, conservando e difundindo o rico e disperso patrimonio moble existente, remóntase a mediados do século XIX e vai fundamentalmente da man da Real Sociedade Económica de Amigos do País, fundada en Santiago en 1784. A Exposición Rexional Galega de 1858, e sobre todo a de 1909, que contan coa iniciativa e o inestimable apoio da citada asociación, fomentan e alentan esta necesidade.

Así pois, en 1951 ponse en marcha o nacente museo. Nese ano adquire o Concello o inmoble, coñecido como Casa Gótica e comezan as obras para o seu acondicionamento, investíndose na súa rehabilitación fondos procedentes na súa maioría dos orzamentos da Dirección Xeral de Belas Artes e apróbanse os estatutos polos que se rexería.

A duración das obras fai que cunda o desánimo na Corporación Municipal que, a partir de 1957, decántase máis partidaria de apoiar outro proxecto museístico abordando a montaxe do Museo Municipal. Despois duns anos de incerteza, decídese ceder o edificio adquirido á administración central para que a Dirección Xeral de Belas Artes se faga cargo en solitario do Museo das Peregrinacións. Este proceso de cambio de titularidade culminaría en 1963.

Foto exposición inaugural
Exposición inaugural de 1965

De novo coa celebración do Ano Santo de 1976, e despois dunhas obras de ampliación do edificio orixinal, ten lugar unha nova exposición que pretende ser un ensaio da montaxe definitiva. Unha vez máis, clausurada esta, o museo volve pechar as súas portas.

A xestión do Museo transfírese á Xunta de Galicia en 1995, abrindo por fin as súas portas ao público dunha forma definitiva, en febreiro de 1996, logo de 45 anos dunha situación bastante anómala.

Foto día inaguración

Foto día inaguración
Inauguración definitiva do museo no ano 1996

A partir dese momento, e coa denominación xa tradicional de “Museo das Peregrinacións”, procuraría a organización interna da institución e a súa difusión, tanto nun ámbito local coma autonómico, estatal e internacional. O deseño e posta en funcionamento de diversos programas de exposición, liñas de publicacións e outras actividades, posibilitarían o achegamento da institución á sociedade.

A necesidade de cumprir mellor co seu cometido leva aparellada dunha banda a dotación dun instrumento legal que o regule (RD 1293/2007, de 28 de setembro, polo que se regula o Museo das Peregrinacións e de Santiago. BOE Núm. 252 do 20 de outubro), que lle outorga a nova denominación de Museo das Peregrinacións e de Santiago ao tempo que o constitúe como museo nacional, centro de documentación, investigación e interpretación de Santiago e das peregrinacións.

Doutra banda, coa elaboración do Plan Museolóxico fóronse definindo os principios a seguir con vistas ao futuro. Froito desta planificación son os distintos programas e proxectos elaborados nos últimos anos e que se materializaron na apertura da nova sede do museo na praza das Praterías en novembro de 2015.

O Edificio

CASA GÓTICA

Na actualidade, o edificio que alberga a sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago é o resultado da suma de diversas construcións que constitúen un conxunto heteroxéneo de difícil lectura.

A construción inicial, levantada cara mediados do século XIV, é a denominada frecuentemente «Casa Gótica», que se viu modificada e ampliada ao longo dos séculos. Constituíu a sede principal do maiorado instituído por Roi Martínez de Carballido a mediados do XVI e foi residencia de importantes persoeiros da vida social da cidade É salientable a actuación feita a mediados do século XVIII polo arquitecto Lucas Ferro Caaveiro da que se conserva a escaleira con balaustrada de pedra, imitada en madeira nos andares superiores, unha lareira e a estrutura de boa parte do inmoble. As remodelacións levadas a cabo entre os anos 50, 60 e mediados dos 70 do século XX configuraron os espazos e volumes definitivos da edificación actual.

Casa GóticaCasa Gótica

Recibe o nome de «Casa Gótica» por ser unha das poucas construcións do gótico civil conservadas na cidade. Desa época persiste un corpo cun torreón edificado en robusta cantería de granito con abundantes signos lapidarios (marcas de canteiro). Relaciónase tradicionalmente, aínda que sen ningún tipo de fundamento, coa residencia de D. Pedro I o Cruel ou con D. Fernando de Castro, Pertegueiro Maior de Santiago nesa mesma época.

A situación do inmoble na parte preponderante da cidade fai presupoñer a súa importancia precisamente nos momentos finais da Idade Media.

A fachada, con alteracións, presenta unha disposición que parece responder á que ofreceu nun determinado momento de vida do edificio. Conserva importantes elementos orixinais coma os canzorros que sosteñen o beiril, as fiestras, unha curiosa gárgola, etc.

SEDE DAS PRATERÍAS

A falta de espazo na sede histórica do museo levou ás distintas administracións implicadas na titularidade e xestión do centro museístico a unírense na procura dun inmoble para a levar a cabo a ampliación. A colaboración do Consorcio de Santiago fixo posible a xestión da cesión do inmoble destinado ata o ano 2004 a sede do Banco de España na cidade.

Trátase dun inmoble proxectado polo arquitecto Romualdo de Madariaga, xerado e construído con gran polémica nun lugar singular, próximo a entrada das Praterías da catedral compostelá. Sería inaugurado en 1949.

A remodelación do inmoble para a súa adaptación ás necesidades museísticas específicas será obra do arquitecto Manuel Gallego Jorreto, desenvolvéndose as obras entre 2009 e 2012 por conta do Consorcio de Santiago.

Casa das Praterías