As Músicas de Santiago (Vídeos e Papeis de Educación) é un novo proxecto divulgativo e educativo do MDPS que parte da idea principal da complementación de distintos ámbitos da arte ou do patrimonio. Os vídeos das Músicas de Santiago do Museo das Peregrinacións e de Santiago están baseados nas pezas que Resonet gravou durante os anos de relación co Museo no seu proxecto «As músicas de Santiago».
Procedentes de contextos artísticos, xeográficos e temáticos similares, as músicas son elixidas para se mostraren en consonancia coa obra de arte, ou obxecto, formándose unha simbiose que non é senón a que existe sempre entre a arte musical e as artes que a rodean e rodearon. Esta iniciativa presenta un modelo que rompe a tendencia cada vez máis difundida de mostrar por separado as obras de arte musicais e os seus contextos artísticos, estéticos e ambientais.
O obxectivo non é outro que presentar de forma conxunta unha obra, ou conxunto de obras expostas nas salas do museo, acompañadas do seu contexto histórico-musical.
A música, normalmente excluída dos protocolos máis básicos de protección, conservación e transmisión de patrimonio cultural, é tratada neste proxecto como calquera outro ámbito dos que son obxecto as accións dun museo, o que fai deste un proxecto que pretende ser ao mesmo tempo pioneiro e un paradigma a seguir por outros museos.
O proxecto é creado e dirixido artística e pedagoxicamente por Fernando Reyes, o maior experto na interpretación profesional con criterios históricos de músicas do Camiño de Santiago, director do grupo de Música Antiga RESONET, con máis de 200 pezas do ámbito das "músicas de Santiago" gravadas e publicadas, diplomado superior na interpretación da Música Antiga na Escola Estatal Superior de Música de Trossingen (Alemaña) e mestre e licenciado en Ciencias da Educación pola U.S.C.
1. Os vídeos:
14 vídeos de curta duración nos que se presenta en cada un deles unha das máis de 200 obras relacionadas coas temáticas do MDPS creadas por RESONET e contidas nos 8 CD que ten realizado en colaboración co Museo.
Todas as pezas musicais presentadas foron realizadas por músicos cun alto nivel formativo, interpretativo e profesional coas máximas garantías e criterios de interpretación do patrimonio histórico musical. Neste sentido, nada diferente do que se require con normalidade para o tratamento e restauración de importantes obras de arte, pezas e obxectos patrimoniais.
A peza ou temática que servirá para cada vídeo irá acompañada dunha peza musical relacionada con ela.
Os vídeos serán un novo contido con entidade propia do MDPS e, ao mesmo tempo, un recurso didáctico e educativo, sempre relacionado coas temáticas principais do Museo.
2. Os Papeis de Educación:
Cada vídeo irá acompañado dunha guía didáctica (Papeis de Educación do MDPS) que dará ideas, recursos metodolóxicos, liñas de actuación e pistas para o aproveitamento e desfrute das temáticas e obras que transmite. Os «papeis do MDPS» irán dirixidos a todos os ámbitos educativos sen excepción e a grupos de visitantes e individuos que teñan curiosidade.
Así, as guías pretenden ser útiles tanto no ámbito da educación obrigatoria (Primaria e Secundaria), no bacharelato, como escolas de Belas Artes, escolas de música, conservatorios, escolas de artes e oficios e mesmo na universidade e estudos superiores de Historia, Historia da Arte e de Música, na formación de guías turísticos, xestores culturais, etc. Non só se quere quedar no plano académico, senón tamén ampliar a súa funcionalidade a outros ámbitos como o familiar e sen esquecer os peregrinos e peregrinas de todo o mundo.
Sen ánimo de tratar de modo exhaustivo as opcións que posibilitaría cada vídeo, nas guías ou "papeis" presentaranse informacións, ideas, actividades a modo de "pinceladas", "xanelas abertas", frases musicais ou "ciceladas" que poden ser acollidas e tratadas segundo múltiples perspectivas. Abriranse así camiños para o ensino, a busca e investigación ou mesmo para a fantasía e a creatividade artística e musical.
Partindo do máximo respecto polos profesionais da educación, que teñen os seus recursos programáticos, didácticos e pedagóxicos e que son quen mellor coñece os seus obxectivos e os seus alumnos, os "papeis" pretenden abrir vías de busca, posibilitar materiais, dar ideas e informacións e mesmo inspirar novas propostas sempre relacionadas coas temáticas do MDPS.
Desta maneira, cada vídeo, acompañado do seu "papel" ou guía didáctica poderá adaptarse a moi diferentes niveis e situacións educativas, escolares, extraescolares (non formais) ou mesmo familiares, grupais ou individuais. O MDPS é un museo aberto a todas as persoas, cidadáns de Compostela, peregrinos e visitantes.
Cunha estrutura básica común, cada "papel" terá unha estrutura única dependente da obra, temática ou peza musical que traten. O conxunto dos 14 vídeos e dos 14 "papeis" correspondentes presentará un amplo panorama dalgunhas das pezas e temáticas máis representativas do MDPS e das obras máis importantes do patrimonio musical relacionado co Camiño de Santiago e con Santiago. Este conxunto de materiais conformará en si un novo e innovador corpus de patrimonio do MDPS (pezas artísticas ou material temático + pezas musicais nun só "obxecto" artístico-patrimonial) e unha guía didáctica única (a suma dos "papeis de Educación do MDPS) de achegamento educativo, documental, temático, artístico e musical aos fondos do MDPS.
Os vídeos serán presentados en datas concretas nas redes sociais do MDPS durante o Ano Santo Compostelán 2021.
I - Libro da indumentaria feminina con Petite Camusette - Josquin des Près
II - Pintura de Santiago peregrino, Juan de Juanes con Apostole Christi Iacobe - Cristóbal de Morales
III - Escultura en granito de Santiago peregrino, Padrón con Sancte Jaco a Compostel - Diario de William Wey
IV - A voz do trono-os tambores de Santiago con Dum Pater familias - Códice Calixtino
V - A festa barroca de Santiago con Folías galegas - Santiago de Murcia
VI - Escultura de santa Isabel de Portugal con Domare cordis - Estêvão de Brito
VII - Gravado «A festa de Santiago en Florencia» de Jacques Callot con Lieta parto e Rotta dell' Aria di Fiorenza - Jacopo Melani
VIII - Escultura en bronce «A peregrina inglesa» con Romance A Romeira – tradicional
IX - Escultura en prata «Sagrada familia peregrina» con Sant Jaume de Galicia – tradicional
X - Iconografía das cabazas do Museo das Peregrinacións e de Santiago con Calabaça, no sé, buen amor - Cancioneiro Musical de Palacio
XI - Pintura de Santiago peregrino, Juan de Flandes con Camino de Santiago - Alonso de Mondéjar
XII - Baixorrelevo en madeira de Santiago entre cipreses con Romerico, tú que vienes - Juan dell Encina
XIII - Escultura de Santiago peregrino de Navarra con Pellegria Naziela - Gran canción vasca de peregrinación a Santiago
XIV - Escultura de Santiago peregrino de Baviera con Jacobslied - tradicional
3. Fernando Reyes
Especializado nos instrumentos antigos de corda pulsada no conservatorio de Toulouse (Francia) e na Escola Estatal Superior de Música de Trossingen (Alemania), onde obtén o título superior de profesor deses instrumentos e da especialidade de Música Antiga (Alte Musik) coas máximas cualificacións, é o máis importante especialista na interpretación da Música Antiga no ámbito do Camiño de Santiago e de Galicia, tendo realizado un gran número de gravacións como solista e como director do grupo de música RESONET que el mesmo dirixe:
Camiño de Santiago/peregrinacións-Gravacións e edición en CD:
La Grande Chanson, Les Pellerines-A moda da peregrinación na Francia do Barroco, Santiago!-A Música no Camiño de Santiago no Renacemento, Il Pellegrino-A Música na viaxe de Cosimo III de Médicis a Compostela, Zarabanda para o Gran Duque (cd solista), Canto de Ultreia, Festa Dies-A Música na consagración da catedral de Santiago, A Peregrina, Viaxe a Compostela (CD solista), A viaxe de Exeria (composición e solista).
Galicia-Gravacións e edición en CD:
Cantares Galegos-Rosalía de Castro, Canto de Nadal, Cantiga-cantigas de trobadores de Galicia e Portugal, e Floralba-Cantos e romances de Galicia.
Como instrumentista realiza unha intensa actividade como solista e como integrante de importantes orquestras barrocas e grupos de música europeos como: La Cetra Basel (Suíza), a orquestra do Teatro de São Carlos (Lisboa), Die Wiener Barock Orchestra (Austria), Capella Cracoviensis (Polonia) ou Bassorum Vox (Alemania).
Fernando Reyes é tamén un dos compositores e profesores de música para teatro máis importantes de Galicia, tendo composto e preparado co elenco as músicas de obras como:
-Commedia-Un xoguete para Goldoni, O Rei Nu, Raíñas de Pedra (adaptación e preparación de interpretación musical), Escola de Bufóns, Shakespeare para Ignorantes (no que tamén actuou como intérprete das músicas), Bobas e galegas (con posta en música de entremeses de Calderón de la Barca), O son das cousas (espectáculo teatral infantil) ou Commedia-Un xoguete para Goldoni, 25 anos.
Recentemente, en outubro de 2020, presenta no mosteiro de Carboeiro o concerto-representación sobre a Viaxe de Jacopo Antonio Naia a Santiago de Galicia en 1718, que el mesmo dirixe artisticamente, xunto coa compañía de marionetas Viravolta, e no que interpreta obras de guitarra barroca contemporáneas ao peregrino italiano.
Fernando Reyes é tamén mestre e licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela.