De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Artista norueguesa, de recoñecido prestixio no seu país, elixiu este centro para mostrar a súa obra en España. Unha selección de bordados e gravados monotipo serviranlle para reflexionar sobre o seu percorrido pola vida, facendo unha comparación entre as catorce estacións do Vía Crucis e a súa propia experiencia vital, profundamente marcada por Santiago de Compostela.
Esta exposición, incluída dentro do programa expositivo “As outras peregrinacións”, supón un novidoso proxecto de Borgny Svalastog, deseñado especialmente para ser inaugurado no Museo das Peregrinacións.
A obra a exposta é tecnicamente diversa e esteticamente distinta: un conxunto de bordados a man, similares aos realizados no século XVI para o enfeite de vestimentas sagradas (capas pluviais, casulas, ornamentos litúrxicos, etc.) nos que utiliza a mesma técnica antiga propia dos países nórdicos, e cuns temas iconográficos que, baseados en textos bíblicos, reinterpreta e adapta á súa propia realidade.
Un segundo grupo da obra está constituído por monotipias sobre papel que a artista executa con gran pericia e que proporcionan un efecto cromático e cheo de simbolismo. Utiliza temas do Antigo e do Novo Testamento para conseguir un resultado sorprendente. Grandes paneis con monotipias realizados pola artista norueguesa son utilizados para a decoración de igrexas e constitúen un ambiente especialmente atractivo en múltiples exposicións que ten realizado por diversas cidades de Europa.
Finalmente a autora recrea no espazo do xardín interior, nunha orixinal instalación, que simboliza a meta do camiño. Para iso sérvese dunha suxestiva agrupación de zapatos de cristal nos que aparecen sete cores utilizadas dun xeito simbólico en relación coa universalidade da peregrinación.
O primeiro modelo para a viaxe de peregrino, e tamén o máis chocante, é o Camiño da Cruz e as súas 14 estacións, que recordan o sufrimento de Xesús desde que foi condenado por Pilatos ata que o soterraron no sepulcro. Tamén hai unha última estación, introducida máis tarde, para conmemorar a resurrección. Esta combinación (14+1) utilízase no título e reaparece en moitas das obras.
Dentro deste modelo de estruturación, ademais de chegar a unha meta, as obras da exposición abordan outros aspectos da viaxe: a viaxe como esforzo físico e como evolución psicolóxica, un proceso de contactar e de ser contactado pola presión do cosmos, a paisaxe e as vidas humanas.
A peregrinación, en varias das súas facetas, é o tema da exposición de Borgny Svalastog.
Esta peregrinación proporciona unha desembocadura de opinións, utilizando distintas linguaxes e materiais. Desde os pasteis monocromáticos abstractos na «Escaleira. Ascensor paternóster», aos bordados figurativos de «14+1 Historias»; desde o mundo suave do atractivo téxtil de «Tócame!» ás superficies duras das esculturas de aceiro en «Dúas capas»; desde a escala pequena de «14+1 Libros» á escala grande de «Parede con cinco bandas: norte – sur – leste – oeste+Bethlehem»; e desde a presentación tradicional consistente en colgar as obras de arte sobre a parede, como en «Refil. Friso con 12 portas, 7 bandadas de paxaros e perlas», á radiante instalación ao aire libre que ocupa o atrio en «Non son capaz de camiñar. 500 pares de zapatos de vidro en dirección a Nidaros».
A exposición invita o visitante a reaccionar sobre as distintas formas de beleza visual e as súas raíces, ás meticulosas relacións con experiencias vitais, técnicas artistas e importantes relixións e ideoloxías sociais. A secuencia cristiá Nadal-Pascua-Pentecostes é un vehículo para as expresións de experiencias de alegría, sufrimento e revelación. O modelo da biografía proporciona o fondo para investigar e cuestionar o mecanismo da identidade individual. O tema dos fillos de Abraham – a razón para unha relación pacífica entre xudeus, cristiáns e musulmáns – é tratado cunha expresión estimulante no longo friso téxtil.
Ao final, o visitante talvez descubra a xentileza da totalidade, as obras de arte como experiencias de contacto coa vida (coa vida do artista, coa vida do espectador, co outras formas de vida), unha xentileza enraizada na habilidade excepcional de aceptar o dado simplemente por unha razón (a de crear unha saída, unha saída do conxelado statu quo, para xerar un espazo agradable), a xentileza arraigada no coñecemento téxtil da artista de como facer que as teas tecidas respiren.
A relación entre a peregrinación, a creación artística e a propia experiencia vivida por cada artista en canto «peregrino» coa singular e persoal traxectoria, ou a súa subxectiva visión sobre a peregrinación, supón un aspecto creativo altamente enriquecedor e suxestivo, capaz de ser plasmado artisticamente utilizando as técnicas expresivas máis actuais. Por ese motivo, o Museo das Peregrinacións, comprometido coa súa función de fomentar a creatividade artística e de achegarlle á sociedade todo tipo de manifestación relacionada co fenómeno universal da peregrinación, non pode renunciar a proporcionar unha oferta cultural que englobe aquelas expresións que utilizan as linguaxes máis actuais para comunicar o fenómeno da peregrinación. Neste senso, sabedores de que a importancia da peregrinación non se circunscribe exclusivamente a tempos pasados, e conscientes de que o presente supón un estadio altamente esperanzador, decidiuse, no seu día, definir un programa expositivo que incluíse tamén «as outras peregrinacións», no que está encadrada a exposición 14+1 Estacións, de Borgny Svalastog.
A artista norueguesa ofrécenos unha visión moi persoal da «peregrinación» baixo un atractivo produto saído da máis auténtica reflexión sobre as súas propias vivencias ao longo da súa carreira. Como se dunha terapia irrenunciable e irrefreable se tratase, Borgny expresa, cunha claridade e fluidez sorprendentes, o seu estado de ánimo e a súa interpretación do universo. Emprega para iso símbolos que aínda resultan intelixibles para a nosa cultural occidental e atlántica, e faino co valentía e decisión admirables. A súa produción artística é unha prolongación da súa personalidade, ateigada de contido, de información e de gana de comunicar, e tamén de coñecer máis e máis cada día.