NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Pilgrimage to Santiago

-
Zhang Huan. Colaboración coa Cotthen Gallery

Perfomance: Pilgrimage to Santiago

Dende o comezo da humanidade e ata o presente, a vida converteuse cada vez máis nun canellón sen saída. Vivimos nun mundo animal. No noso ciclo de vida, o peixe grande come o pequeno e este, á súa vez, devora a diminuta gamba. Enfrontámonos á cruel realidade de devorar outros ou ser devorados por eles; matar a outros ou sernos matados por eles. Ningunha época anterior superou tan claramente a animalidade do ser humano.

Traballamos durante todo o ano, sen deixar tempo para desfrutar das nosas familias, presentarlle os nosos respectos aos nosos pais, coidar das nosas mulleres e fillos, facer exercicio físico e, o máis importante de todo, ter suficiente tempo para durmir pola noite. Todo o que temos é comida lixo e unha provisión sen fin de vitaminas. O noso mundo está dominado por compañías globais que venden ordenadores e teléfonos móbiles. Este apresurado estilo de vida, de desprazamentos continuos, tense convertido nunha obsesión. Odio voar. Temo a sensación de voar dun lado cara a outro na estratosfera. Acotío o efecto secundario é que cando por fin nos vamos para cama pola noite padecemos insomnio.

Quen creou este sistema asfixiante?

Por que estamos tan intoxicados por el?

Soño que son unha tartaruga de mil anos de idade mirando as pedras toda a miña vida, mascando herba fresca, sorbendo as gotas de resío, respirando aire fresco, escoitando os ecos dunha paisaxe natural de altas montañas e correntes de auga, con paxaros sobre a min cantando no aire. Entón desfrutarei da miña paz durante o período de longa hibernación.

Somerxereime piadosamente no aroma do incensario, para me limpar co sagrado incenso de calquera cheiro inocuo na natureza humana e alcanzar así o novo corpo e alma para toda a vida.

Zhang Huan, 2001

Mireia Cirera Hidalgo (Cotthem Gallery)

Imaxes que desprenden un poder máxico, un poder que emana da concentración mística na performance. Ao contemplar as performances de Zhang Huan, percibimos unha forza lancinante que liga a experiencia física, intelectual e emocional do artista.

Zhang Huan está a abrir unha nova visión da arte da performance no que o compoñente teatral e a vida real comparten un mesmo tempo, un mesmo espazo. É un dos primeiros artistas na China que empezou a utilizar a performance como medio de expresión. En 1994, empezou a expresar a inxustiza no seu país e a súa forza interna a través dunha serie de traballos espectaculares. «12 Square Meters» tivo lugar nun servizo público nun barrio en decadencia nos arredores de Pequín, chamado Dong Cun. O artista, cuberto con mel e aceite de peixe, permaneceu inmóbil durante varias horas, atraendo moscas e formigas para logo entrar nun río contaminado como protesta polos abortos e infanticidios femininos ocorridos baixo a política do Goberno Chinés de ter un só neno. Esta acción atopa o seu antecedente en «Angel» (1993), a súa primeira experiencia pública, que orixinou un enfrontamento coa Academia de Belas Artes.

O corpo é a linguaxe do artista, é o seu único medio de expresión nunha acción; o corpo espido, o único camiño directo a través do que Zhang Huan pode chegar a ter un total entendemento coa sociedade. Persoas paralizadas nun río, pasivas, inmóbiles, sen reacción algunha ante tal inxustiza, «To Raise the Water Level un a Fishpond» (1997), un neno, a única esperanza da China. Culminación da montaña no corpo humano e unión coa natureza «To Add on meter to a Unknown Mountain» (1995).

Zhang Huan actualmente reside en Estados Unidos desde que foi expulsado do seu país en 1998; deuse a coñecer ao público norteamericano a través da súa participación na exposición «Inside Out» de 1998 que organizou The Asia Society, P.S.1 e o Museo de Arte Moderna de San Francisco.

«Hard to Acclimatize», performance realizada no Seattle Asian Art Museum e da actual xurdiu a obra «My America», deriva das dificultades que o artista atopa na súa adaptación en América. Huan celebra a liberdade que atopa en América, impregnado dun sentido espiritual e o corpo, a partir da performance, preséntasenos como vehículo de transmisión desta espiritualidade e un afán de comunicación coa comunidade. A intención de Zhang Huan era fusionar a cultura occidental e a oriental a través da espiritualidade que emerxía da acción, parecida a unha concentración de peregrinos.

A relación que se establece entre corpo e alma é primordial. Zhang Huan sofre na súa propia pel a dor física, como símbolo do sacrificio e, ao mesmo tempo, exemplifica a dor que sofre o seu pobo oprimido. Experimenta co seu propio corpo ante determinadas situacións límite, que o conducen a un estado mental místico, a unha total purificación.

Paralelamente ás performances, Huan comezou a se introducir no campo artístico da escultura. «Rubens», a primeira escultura da súa carreira artística, nace a partir da performance en Parkabdij Van Heverlee (Bélxica) e fai referencia á forza simbólica que emana do Buda na cultura oriental. El é o seu propio modelo, as súas obras co seu propio corpo, o seu corpo convértese en vehículo de experimentación e de comunicación.

A instalación desta escultura rodeada de diferentes figuras do apóstolo Santiago transmítenos a fusión destas dúas culturas. O contraste orixinado entre antigas esculturas e unha arte innovadora, contemporánea, preséntasenos harmónico. O antigo e o novo mestúranse.

Unha arte dura e real que esperta sentimentos contraditorios na xente. Unha intensa sensibilidade repleta de inquietude co afán de non nos deixar indiferentes. Máis aló da simple pero cruel realidade, as performances de Zhang Huan son lancinantes e, ao mesmo tempo, poéticas.

Mireia Cirera Hidalgo

Cotthem Gallery, 2001