NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

Ajmer. Peregrinos do sufismo

-
Nacho Castellano

Ajmer, cidade da rexión de Rajastán, ao norte da India, é lugar santo para 90 millóns de musulmáns do subcontinente asiático.

Máis de 150.000 fieis procedentes da India, Bangladesh, Paquistán e Afganistán encamíñanse anualmente cara a Ajmer constituíndo a maior peregrinación musulmá de dita zona xeográfica.

Conmemoran o Urs, aniversario da morte de Khawaja Mo’inudin Chisti (1139-1236), santo sufí precursor do Islam na India.

“UN PEREGRINO NA RUTA DE AJMER”

“Numerosos son aqueles que desexan tomar o camiño cara a Ajmer, pero só os chamados se darán cita no lugar santo”.

A CHAMADA

Ghani adora estes versos. Cidadán sedentario con raíces no barrio musulmán da súa cidade, agardaba un signo de providencia divina. Todos os días lle parecían iguais.

Pero esa mañá, un vento fresco veulle murmurar estes versos: “Ajmer, a viaxe, os chamados, o lugar santo...”. Era a súa quenda, envolveuse no seu chal e emprendeu o camiño...

A VIAXE

No tren, ninguén se decatou da súa presenza, espertando cando o tren fai a súa entrada na estación.

Ajmer... O aire era diferente. Saíndo da estación escoita o Azân, a chamada á oración. Axeonllouse sobre a beirarrúa canda os seus irmáns.

Ghani dirixíase ao Mausoleo de Mo’inudin Ajmeri camiñando detrás dun grupo de mozas envoltas nos seus velos.

No Dargah pousou as súas mans, a súa fronte e os seus beizos sobre un dos arcos da entrada estreitando o fuste como se aperta un amigo.

No interior, os peregrinos amontoábanse en silencio, mans tendidas cara a tumba somerxéndose na aura benfeitora do santo, que ten a virtude de curar corpos e almas.

Chegou a noite e o canto do Qawwal fixo que unha onda de peregrinos se acomodase arredor dos músicos, atraída polo amos das voces.

Saíu e foise cruzando no seu camiñar cun cego, cun coxo e cunha parella de mendigos dignos e silenciosos.

UNHA COCIÑA A CEO ABERTO

Pola mañá, Ghani observou dúas inmensas marmitas. “Son as cociñas a ceo descuberto”, ensinoulle un home. “Preparamos arroz azucrado e perfumado para distribuír entre os peregrinos sexa cal sexa a súa relixión”.

Antes de recibir a súa ración, os peregrinos debían esperar, ata o alborexar. Ás seis da mañá, a espera tocou ao seu fin.

O FINAL

Despois de comer, atravesou o Châliyâri, pequeno cemiterio frecuentado por faquires, eunucos, qualandars e mustanas. O cheiro das charas e de incensos paseábase por entre as tumbas.

Ghani durmiuse e cando espertou observou a comunidade adormecida ao seu arredor.

Dende o nacer da lúa ata o seu crepúsculo, cinco veces repite o ritual colectivo da oración Namâz.

Os fieis sentáronse en semicírculo abranguendo os músicos. Unha muller non podía conter as bágoas. Ghani, invadido de felicidade, tivo dende entón a certeza de estar alí onde debía estar.

Así o contou Me’raj Qawwâl. “Quizais algún día en algures, alguén queira saber quen éramos: así quedará un rastro”.

 

Extracto do texto de Claire Devos do libro Ajmer. Peregrinos do sufismo de Nacho Castellano.