De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Unha peregrinación ortodoxa en Polonia
Grabarka, “O outeiro do penitente”, “O monte das seis mil cruces”, “O máis milagreiro dos lugares milagreiros” para a Igrexa Ortodoxa Polaca.
O monte sagrado de Grabarka, situado na zona histórica de Podlasie, ao leste de Polonia, é o centro de peregrinación máis relevante da Igrexa Ortodoxa Autocéfala Polaca e o de maior proxección internacional entre todos os centros de culto xurdidos da longa tradición de peregrinación existente entre os fieis ortodoxos polacos.
A orixe da sacralización deste monte e, consecuentemente, da fundación dun santuario, responde á supervivencia de dúas tradicións paralelas.
A primeira delas remóntase a mediados do s. XIII, cando na igrexa ortodoxa da Virxe María, situada a 30 kms ao sueste de Grabarka, acoden centos de persoas, presas do medo e do terror causado polas invasións tártaras, a rezar ante unha icona de tradición milagrosa coa representación da Transfiguración de Cristo (acontecemento que para a Igrexa Oriental constitúe un dos “doce días sagrados”). Segundo conta a lenda, algúns habitantes que lograron escapar ao desastre trasladaron e ocultaron a icona de forma misteriosa no monte Grabarka. A icona nunca volveu aparecer, pero, nese lugar, celébrase desde hai séculos a maior festa de indulxencia, precisamente na festividade de Cristo Salvador.
Segundo outra tradición, a orixe do culto neste monte orixínase no s. XVIII en relación cunha epidemia de cólera que azoutou a poboación de Siemiatycze en 1710. Crese que un cidadán desta poboación, membro da Igrexa Uniata, tivo un soño mentres durmía, a través do cal viu que se podía salvar da morte se construía unha gran cruz que debía transportar a un outeiro próximo, onde ademais debía beber auga dun manancial que alí brotaba. O sacerdote local percibiu neste relato a revelación de Deus e comunicoullo aos seus fregueses. Todos se dirixiron entón cara ao outeiro e beberon a auga dese manancial, salvándose así do azoute da enfermidade. Como agradecemento a Deus, construíron unha igrexa: a Capela do Cristo Salvador.
Aínda que é difícil determinar que circunstancias contribuíron a determinar este lugar como milagroso, o certo é que, ademais, se converteu nun lugar de oración aos defuntos porque alí se atopaban enterradas tanto as vítimas dos tártaros como as resultantes da epidemia. Por outro lado, o propio nome de Grabarka deriva da palabra rutena hrabar: “cavador”, “sepultureiro”.
Como moitos outros lugares de culto e peregrinación no mundo, Grabarka é un monte -lugar de revelación- ligado co elemento natural da auga -símbolo de purificación dos pecados- e coa cruz -símbolo cristián da Paixón de Xesús-.
O ritual da peregrinación no que os penitentes levan cruces provén do s. XVIII. Desde entón, tanto ortodoxos como católicos acoden a cravar as súas cruces no bosque de Grabarka durante todo o ano, pero especialmente na festividade da Transfiguración de Cristo, o 19 de agosto. As cruces que se ofrecen son de diversos tamaños dependendo, segundo a tradición, do “tamaño” da enfermidade, o sufrimento ou o agradecemento de quen a leve.
Os peregrinos, cando chegan, o primeiro que fan é beber auga da fonte milagrosa, lavándose aquelas zonas a sandar con panos de liño que logo deixan nos arredores como signo de abandono das enfermidades e dos pecados; despois, soben coa súa cruz ata o santuario do monte onde rezan e son bendicidos. Durante a medianoite celébrase un oficio solemne nas tumbas do cemiterio, enxalzando deste xeito a unidade do mundo dos vivos co mundo dos mortos.
Neses días, toda o monte se transforma nun gran templo que reúne a varios miles de peregrinos procedentes de toda Polonia e tamén, recentemente, do estranxeiro, sobre todo de Bielorrusia, Ucraína, Finlandia e Hungría.
O monte sagrado de Grabarka é o corazón da Igrexa Ortodoxa Polaca. A pesar das moitas adversidades, este lugar sagrado segue sendo para os seus fieis un lugar de reencontro con Deus e de reconciliación cos homes.
Extracto do texto elaborado polo profesor Antoni Jackowski da Universidade de Cracovia (Polonia) para o catálogo da exposición.