NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOHORARIOHORARIO
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN

A onde viaxan os deuses. Unha pregrinación ao Qoyllur Rit’i en Perú

-
Christoph Lingg (fotografías) - Susanne Schabber (textos)

A onde viaxan os deuses aproxímanos á festa indíxena máis multitudinaria de América, unha das manifestacións máis profundas da relixiosidade andina na que miles de indios e mestizos procedentes de todo o Perú peregrinan, a través de abruptas paraxes, ata chegar ao santuario do Señor do Qoyllur Rit’i.

Segundo a crenza popular que se remonta a 1780, o Neno Xesús, disfrazado de pastorciño, aparecéuselle a un neno indíxena chamado Marinito Mayta, e xuntos dedicábanse a coidar os rabaños. Cando o pai de Mariano decidiu revisar o traballo so seu fillo, chamoulle a atención o vestido do seu amigo pola riqueza do tecido e pensou que só podía proceder das vestimentas dunha imaxe sagrada. Os feitos chegaron a oídos do bispo de Cusco, quen, temendo que a tea fose obtida de forma sacrílega, ordenoulle ao párroco do lugar, Pedro landa, que investigase a súa procedencia. Ao se achegar a onde se encontraban os nenos, unha brillante luz branca cegouno cando intentaba apresalos. No seu lugar apareceu unha árbore da que colgaba o corpo do Señor. Nese momento, Mariano morreu fulminado por un raio e ao ser expulsado ao pé dunha gran pedra a imaxe do Señor de Qoyllur Rit’i fíxose sobre a rocha.

Esta lenda é, probablemente, a roupaxe occidental que recobre unha milenaria crenza indíxena que tería a súa orixe no Perú precolombino. Os estudosos apuntan que quen recibe o culto, as penitencias e os actos de fe é en realidade o Apu Ausangate –deus tutelar da zona- e que o ritual está asociado realmente á fertilidade da terra. Estamos ante un claro exemplo de sincretismo relixioso no cal o símbolo externo é a imaxe de Cristo, pero o seu obxecto de fondo é a unión do home coa natureza. Nesta manifestación relixiosa xúntase o culto ás deidades ancestrais andinas co culto cristián e é un fiel reflexo de como un pobo encontra, na busca do divino, unha forma para integrar harmonicamente as expresións relixiosas de dúas culturas.

O ritual consiste nunha peregrinación de varios días durante a cal os peregrinos ascenden ata o límite das neves perpetuas, para chegar ao corazón do santuario onde se encontra a pedra coa imaxe divina. Organizan as celebracións os celadores, unha organización instituída a similitude das confrarías relixiosas, e baixo cuxas directrices se encontran os lendarios utukus ou pabluchas, que á parte de realizaren actividades folclóricas, son os encargados de manter a orde. Os ukukus, de grande importancia dentro do folclore andino, simbolizan un personaxe mítico: o oso das cordilleiras andinas, que se humaniza para se mesturar coa xente.

Unha gran multitude de fieis chega ao val do Sinakara tres días antes da data principal –a celebración co Corpus Christi-; polo camiño van encontrando cruces e ante elas os grupos de bailaríns danzan e cantan para lles render culto. Ao carón de cada unha fórmase unha apacheta, montículos de pedras que levantan os fieis a maneira de pecados expiados. Os actos litúrxicos sucédense: nas noites o rezo do rosario e cánticos, durante o día misas, todo isto acompañado do repique de campás, fogos artificiais, bombas, danzas e cánticos populares.

A véspera do día central, os ukukus escalan ata o cume da montaña en busca da «Estrela da Neve» que se encontra encerrada nas súas entrañas. Tras pasar alí a noite, na madrugada do Corpus Christi e unha vez efectuados os rituais de saúdo, rodan, saltan por tobogáns naturais, realizan acrobacias, corren e loitan facendo soar os seus asubíos. Todo iso a miles de metros sobre o nivel do mar, onde falta o osíxeno, e a varios graos baixo cero. Unha vez concluído este alarde de forza e tras arrincar grandes bloques de xeo inician a baixada con eles sobre as súas costas. Coa auga do xeo prepáranse o último almorzo e merenda, que lles dará a forza suficiente para afrontar o camiño de regreso e, unha vez nas súas casas, regan simbolicamente as súas terras coa auga sagrada.

O chamado «día principal» poden chegar ata 70.000 peregrinos para asistir aos actos relixioso-festivos que alí acontecen: a procesión, o desfile folclórico e, finalmente, a Bendición e Despedida. Durante os días que dura a peregrinación, o desolado val do Sinakara inúndase de fieis, énchese de cores, olores, danzas, cánticos e celebracións en quechua. Os músicos e bailaríns portan estandartes, cruces e símbolos patrios. As súas vistosas indumentarias son fastosas e belas: máscaras, carpas e saias cubertas de admirables bordados e plumaxes coloridas que se axitan cos movementos do baile. Non debemos esquecer que, como nos indica Marcela Olivas, a festa e a celebración folclórica, xunto coa gastronomía, son unha parte destacada nas peregrinacións do Perú.

 

Esta exposición, que contou coa colaboración do Foro Cultural de Austria (Embaixada de Austria en España), é un proxecto conxunto de Christoph Lingg e Susanne Schaber. Ambos os dous, con inigualable sensibilidade, formaron parte activa da peregrinación, o que lles permitiu levar a cabo este proxecto e reflectir coma ninguén o espírito da conmemoración. O obxectivo de Christoph Lingg captou, no momento preciso, os rostros, o xesto, as actitudes, o individual e o colectivo. O grande esforzo realizado unido á satisfacción de cumpriren as promesas; a aglomeración de xentes no val fronte á soidade dos momentos de oración; a serea solemnidade dos actos litúrxicos contrastando co alegre movemento das danzas; o sacrificio, a penitencia, a grande dureza do percorrido adornado coas fastosas e coloridas roupaxes. 

Todo isto transmítenos a esencia dunha peregrinación, manifestación intensa do fervor popular, que exemplifica como poucas a conxunción da alegría e o sacrificio, do sagrado e o profano, do indíxena e o cristián, en definitiva un grande exemplo da riqueza que propicia a interculturalidade. Unha vez máis, o Museo Das Peregrinacións convértese nunha ponte entre culturas que nos permite achegarnos a este sorprendente cerimonial.