De Martes a Venres
09.30 - 20.30 h
Sábados
11 - 19.30 h
Domingos e Festivos
10.15 - 14.45 h
Pechado
Todos os luns do ano
1 e 6 de xaneiro
1 de maio
24, 25 e 31 de decembro
Praza das Praterías, 2.
15704 Santiago de Compostela
Benarés ou Varanasi é a cidade máis sagrada do hinduísmo. Trimilenaria e situada ó norte da India, no estado de Uttar Pradesh, está bañada polo río Ganxes. A sacralidade deste río nace xa desde a súa orixe, no Himalaia, e por isto a través do seu longo percorrido (2.510 Km) atópanse numerosos santuarios, enclaves naturais e cidades que son así mesmo lugares de peregrinación.
Os relatos sobre a peregrinación a este lugar santo remóntanse ó século VII. De feito nas grandes epopeas indias coma o Mahabarata e o Ramayana xa se mencionan. Desde entón milleiros de hindús emprenden unha longa marcha ata esta cidade para se purificaren nas súas augas e mesmo para morreren aló. Se así ocorre as súas cinsas serán botadas ó Ganxes e romperán deste modo a infinita cadea das reencarnacións para por fin chegaren á liberación da súa alma. Por esta razón, tamén Benarés está poboada ademais por máis de mil templos e innumerables palacios.
Os peregrinos achéganse ás ribeiras do Ganxes en Benarés e baixan ás súas augas a través duns socalcos (ghats) para acometeren alí os seus intensos baños rituais. Os hindús teñen a obriga de purifica-la súa alma bañándose polo menos unha vez na vida nas sagradas augas deste río. Cada día son milleiros de peregrinos os que se achegan a esta cidade santa; cada ano son millóns, provenientes de tódalas partes do mundo.
Luis Baylón reflicte na serie fotográfica dedicada a Benarés e segundo palabras de Francisco Rivas: “Un poema visual dunha penetración, intensidade e beleza extraordinarias. Unha proba impagable de ata que punto o cómico e o cósmico se engaden”.